Hoxe, outro enigma para lle dar á cabeciña, daqueles que no seu día foran publicados en Sermos Galiza. Desta volta o relato non ten relación con xogos lingüísticos. É máis ben un enredo de «pensamento lateral», case unha adiviña. Toca buscar unha solución imaxinativa!
Os reloxos de BreguetAbraham-Louis Breguet (1747-1823) é considerado o mellor reloxeiro de todos os tempos. Aínda que naceu en Suíza, desde novo viviu en París. A sona da súa mestría facendo reloxos axiña chegou ata a corte; de feito, toda a nobreza parisiense quería fachendear de posuír un Breguet.Nos convulsos meses previos á Revolución Francesa, o reloxeiro ía recibir un dos encargos máis difíciles da súa vida. A excéntrica raíña María Antonieta convidouno a unha das súas célebres festas no palacio de Versalles.—Estimado Breguet —falou a raíña, ante todos os asistentes—, quero que me fagas o reloxo máis luxoso e complexo de cantos fabricaches ata hoxe. Con todo, antes quero que me respondas esta pregunta: cal é o reloxo con menor número de partes móbiles?—A resposta é doada maxestade —dixo Breguet—, trátase do reloxo de sol, que non ten ningún elemento móbil, só unha agulla vertical que marca coa súa sombra o movemento aparente do sol.—Moi ben. Agora unha segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?Breguet quedou cavilando uns intres ata que deu coa resposta correcta.Meses despois, o reloxeiro xa tiña rematado o encargo de María Antonieta, mais esta, decapitada na guillotina, nunca chegaría a recibilo.En todo caso, cal é a resposta á súa segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?
Solución ao enigma «A derradeira vontade de Romualdo Muíños» (12-3-2015)
A irmá de Romualdo Muíños puntuou así o documento:
«Deixo canto teño á minha irmá. Non ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O sobriño puntuou despois destoutro xeito:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non, ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O alfaiate tamén estaba presente e puntuou:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
Para sorpresa de todos apareceu alí unha moza, pobre mais instruída, que algunha vez traballara para o comerciante. Chegara ás súas mans unha copia do testamento, que puntuara así:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate? Nada. Para os pobres!»
Ningún comentario:
Publicar un comentario