5 de set. de 2015

De Neuquén a Arra


Hoxe quería falarvos desta pequena marabilla que atopei en Juegosdeingenio. Todo un logro da ludolingüística: un logotipo ambigramático para unha localidade de nome palindrómico. Foi o deseño elixido polas autoridades da cidade arxentina de Neuquén para a súa web oficial.

E a partir de Neuquén, viñéronme á cabeza algúns artigos lidos pola arañeira sobre o tema dos topónimos con forma de palíndromo. Uns minutos de navegación despois, xa rebulían os datos sobre lugares de todas as latitudes do planeta con nomes simétricos. Aí van uns cantos.

A cidade andina de Oruro (Bolivia).


A setentrional Qaanaaq (Groenlandia).


Akasaka, distrito comercial de Tokio (Xapón).


Kinikinik, unha pequena localidade na montaña de Colorado (EUA).


O pantano de Wassamassaw, o topónimo capicúa más longo do mundo, en Carolina do Sur (EUA).


A lista de localidades de nome reversible, como podedes ver aquí, é moito máis ampla: Itatí (Arxentina), Ruppur (Bangladesh), Ellemelle (Bélxica), Nerren Nerren (Australia), Assamassa (Portugal)...

E diredes: Que pasa cos topónimos galegos? Pois aínda que me custou, acabei dando cun par de localidades de noso ideais para fervorosos palindromistas: Orro, parroquia do concello de Culleredo, e Arra, aldea do concello de Sanxenxo. Polas dúas teño pasado unha chea de veces sen reparar no tesouro que encerran os seus nomes.



Axudádesme a atopar máis topónimos palindrómicos galegos? Seguro que se poden tirar outros do infindo universo dos nosos nomes de lugar. Unha ferramenta útil para pescudardes é o buscador de topónimos da Xunta de Galicia. A por eles!

4 comentarios:

Héctor Cajaraville dixo...

Serres, en Muros.

Carlos L. Medrano dixo...

Sabía que irían aparecendo. Xa van tres: Orro, Arra, Serres... Quen dá máis?
Graciñas Hector

Héctor Cajaraville dixo...

Na microtoponimia hai "ARIEIRA", en máis dun lugar, por exemplo en Negreira.

Carlos L. Medrano dixo...

Realmente fermoso na súa simetría o topónimo de ARIEIRA, co seu tritongo central, tan de noso!!!
Non sei se dedicarlle unha entrada para el soíño.
Grazas, Hector!
Teño aínda pendente localizar o microtopónimo SEBES. Sei que o vin por algures, mais non lembro onde.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...