Son tempos de trinzadoras de papel a botar fume. Facturas falsas, contabilidades «b» e demais documentos «comprometedores» pasan a cada pouco por esas máquinas que reducen cada folla de papel a unha morea de tiras finas como espaguetes. Con todo, como tamén vemos a cada pouco, máis lles valera a moitos usuarios das trinzadoras facer unha boa fogueira con todo o papelame!
O primeiro que me veu á cabeza cando souben das últimas noticias sobre documentos trinzados e despois reconstruídos foi unha escena de Argo (2012). Baseado en feitos reais, o filme conta como uns funcionarios da embaixada estadounidense de Teherán, durante a convulsa revolución islámica de 1979, conseguen fuxir e refuxiarse «noutro lugar». Por mor das présas só teñen tempo de destruír parte da documentación «sensible» utilizando unhas trituradoras de papel. Para poder identificar os fuxidos, os iranianos poñen un grupo de nenos a traballar na titánica tarefa de reconstruír o crebacabezas. Non direi máis para non destripar a película. Só que, finalmente, os cativos conseguen o seu obxectivo.
Polo visto, o dato histórico é que os verdadeiros protagonistas da recomposición desa montaña de papeliños foron uns pacientes e metódicos tecedores de alfombras, convocados para a ocasión. Tamén se sabe que tardaron bastante máis do que se tardou na película.
En todo caso, hogano non serían precisos nin nenos, nin tecedores de alfombras persas, nin palilleiras de Camariñas para refacer eses textos trinzados. Xa existen programas informáticos que o fan. O primeiro paso é o laborioso alisado e escaneado de cada fragmento. Despois o programa xera un ficheiro para cada un e rexistra automaticamente información de todo tipo: os matices de cor do papel, as contornas das roturas, o tipo de letra ou de tinta, os rastros de texto escrito...
E con toda esa información principia o traballo duro do programa, que vai comparando a toda velocidade os distintos anaquiños ata que comezan a encaixar entre si. Ao cabo dun tempo, pouco ou moito, o crebacabezas acaba resolto.
En fin, ensinanza de hoxe para espías ou corruptos desactualizados: de quererdes destruír documentación de forma eficaz, unha boa cacharela ou, como alternativa, ensalada de papelame cunhas pingas de bo aceite (Abril, por exemplo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario