«Os bailaríns» é un dos relatos breves de Arthur Conan Doyle recollidos no volume O regreso de Sherlock Holmes (1996). Nel, Holmes e Watson reciben a visita de Hilton Cubitt, que lles pide axuda para resolver o misterio dunhas estrañas mensaxes que está a recibir a súa esposa e que a teñen moi alterada.
Esta foi a primeira serie de estraños xeróglifos que o detective analizou.
Holmes axiña se decatou de que, de ser un código cifrado, con esa breve nota non daría resolto o problema. Hilton Cubitt seguiu recompilando mensaxes (que aparecían na súa casa en portas, paredes, fiestras...) e enviándollos a Holmes. Cada mensaxe ofrecía unha serie de homes danzando en diferentes posturas: boca arriba ou boca abaixo, con brazos e pernas estarricados ou flexionados, con bandeirolas ou sen elas...
Finalmente, igual que fixera o protagonista d’O escaravello de ouro, de Edgar Allan Poe, Holmes deu desencriptado as mensaxes empregando a análise de frecuencias das letras do alfabeto inglés.
Non vou desvelar o desenlace da historia, mais si deixo o código completo, que no relato fora creado polo xefe dunha perigosa banda de delincuentes. Trátase dun simple alfabeto de substitución no que cada bailarín representa unha letra diferente. Non hai signos de puntuación mais as bandeiras indican que esa letra é a derradeira dunha palabra.
Unha pequena xoia da novela policíaca ou dedutiva protagonizada polo detective máis célebre da literatura universal e traducida ao galego. Segue a crecer a nosa «bibliografía ludolingüística básica».
Por certo, se vos apetece poñer a bailar estes homiños para enviar as vosas mensaxes cifradas, dispoñedes deste xerador automático. E unha sinxela actividade final: Que cita célebre de Castelao transmiten estes danzaríns?
Solución á analise dos pronomes átonos de «Como eu te amo» (10-1-2016):
Pronome posposto: «convéncete», «esquécete», «ámote».
Pronome anteposto: Tras conxuncións subordinantes (que, como...): «como eu te amo», «que te amo». Tras algúns pronomes indefinidos (algo, alguén, ninguén, todo...): «ninguén te amará».
4 comentarios:
Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma
Pois mensaxe desencriptada.
Grazas, Cibrán.
Este Cibrán se nos adianta a todos :D
Parabéns pola entrada. Utilizarei a aplicación dos bonecos co meu alumnado. Saúdos.
Pois vese que si, Pliar.
Haiche que desenfundar rápido!
;-)
Bicos
Publicar un comentario