Préstavos un pequeno enredo coas matemáticas como tema de fondo? Aquí queda, para acrecentar a nosa colección de enigmas.
O problema de Antía
Na clase de Matemáticas de 5º de Primaria levaban varias semanas a traballar as operacións básicas: a suma, a resta, a multiplicación e a división. De cando en vez, Mónica, a mestra, adoitaba propoñer divertidos enigmas matemáticos.
Un dos que máis lles gustou aos rapaces foi este:
«Dous pastores falaban:
—Por que non me dás unha das túas ovellas? Así teremos a mesma cantidade.
A isto o seu amigo respondeulle:
—Mellor entrégame unha das túas e así eu terei o dobre de ovellas ca ti.
Cantas ovellas tiña cada un?»
Antía, unha das alumnas que máis gozaba con eses enredos, foi a que deu a solución: un pastor tiña 5 ovellas e o outro 7.
Nada máis dar a resposta ao problema dos pastores, a pequena Antía propúxolle o seguinte enigma á súa profesora:
«Como facemos para que, engadíndolle un a vinte, nos dea dezanove?»
Mónica, a aplicada mestra, aínda está agora a darlle voltas e voltas ao breve problema da nena, completamente correcto. E ti, podes dar coa solución?
Solución ao enigma «Theodoros, o viaxeiro» (9-9-2016): Theodoros nacera no ano 2055 antes de Cristo. Visitou por fin as pirámides de Exipto 70 anos despois, no ano 1985 a. C.
2 comentarios:
Gústame nmoito o teu blog, por iso me apetece participar de vez en cando. Supoño que o problema irá de números romanos, de xeito que se a XX lle engades I, convenintemente colocado, dá XIX. Eu coñecía outros do tipo de: a metade de 11 son 6; que se aclaraba pondo XI e cortándoo pola metade horizontalmente: VI. Parabéns por manter a amenidade e o interese
Miguel Anxo Mouriño
Grazas polas túas palabras.
Deches axiña coa solución!
Unha aperta, Xosé Anxo.
Publicar un comentario