Hoxe, con vós, un enigma que, con distintos nomes, forma parte da tradición folclórica de distintas culturas e que no seu día xa publiquei en Sermos Galiza. Un deses contos cuxo protagonista, a través do enxeño, resolve felizmente unha situación difícil. Animádesvos a resolvelo?
O rei de Persia e a labrega
Un rei da antiga Persia saíu de caza unha mañá e atopouse cunha campesiña que estaba a arar.
—Canto gañas ao día? —preguntoulle.
—Tres dáricos, señor —repondeu a labrega—. O primeiro cómoo, o segundo póñoo ao xuro e o terceiro devólvoo.
O monarca non entendeu aquilo e pediulle á muller que lle aclarase as súas palabras. Só entón soubo a que se refería: coa primeira moeda comía ela; coa segunda dáballes de comer aos seus fillos, que a alimentarían tamén a ela no futuro, que é como poñer a moeda a rédito; e coa terceira mantiña o seu pai e así devolvíalle o que este fixera por ela.
—Moi ben explicado —repuxo o rei—. E agora prométeme que non lle contarás isto a ninguén ata veres a miña cara de novo cen veces.
A muller prometeullo solemnemente e o monarca, satisfeito, regresou ao seu palacio.
O rei, sentado á mesa cos seus ministros, propúxolles esta adiviña:
—Unha labrega gaña tres dáricos ao día. Come o primero, pon a xuro o segundo e devolve o terceiro. Cal é a solución?
Ninguén daba coa resposta. O primeiro ministro montou a cabalo, percorreu os campos e foi dar coa labrega que o rei atopara. Rogoulle que lle explicase a adiviña, se a coñecía.
—Así é, señor, mais non podo revelar a resposta xa que lle prometín ao rei non facelo ata ver polo menos cen veces a súa cara.
Con todo, o primeiro ministro deu coa forma de que a muller lle indicase a solución sen incumprir a súa palabra. De feito, regresou ao palacio e deulle ao rei a resposta exacta á adiviña.
Como o conseguiu?
Solución ao enigma «Que palabra é?» (28-1-2016): Ao engadir a comiñas que faltan descubrimos que non é unha única palabra, senón varias: esta (4 letras), ten (3 letras), decote (6 letras), raramente (9 letras) e endexamais (10 letras)
Ningún comentario:
Publicar un comentario