Abraiante! Deixa a un pampo esa facilidade para aprender idiomas e para falalos saltando dun a outro coma quen pestanexa: todo un camaleón lingüístico. Mais abraia e admira tamén esa fantástica actitude aberta e desprexuízada cara a outras linguas. Todo un exemplo este Matthew Youlden, profesor en babbel.com, que fala nove idiomas fluidamente, comprende case unha ducia máis e entre os seus vindeiros obxectivos está... o galego! Parabéns!
Preguntado sobre o seu segredo, Matthew deu estes 10 consellos:
Preguntado sobre o seu segredo, Matthew deu estes 10 consellos:
1. Ten claro por que o estás a facer.Compromiso, inmersión, espírito lúdico, desinhibición, desdramatización do erro... pautas simples para aprendermos novos idiomas. Pregúntome se Matthew coñecerá estoutra camaleoa de noso: a pequena Xulia, que cando gravou este vídeo tiña só sete anos e falaba xa seis idiomas (e mais outro inventado). Unha xoia!
De non teres unha boa razón para aprender outro idioma, é moi probable que, a medio prazo, desapareza a motivación. O realmente importante é comprometerse ao máximo.
2. Mergúllate.
Non importa as ferramentas que uses para aprender a lingua, a chave está en practicares todos os días.
3. Atopa un compañeiro.
Un irmán, un amigo... alguén que te acompañe e te empurre a estar motivado e a seguir un pouco máis.
4. Manteno relevante.
Máis alá de libros e manuais, falares coa xente fará que o proceso de aprendizaxe siga a ser relevante para ti.
5. Divírtete.
Usa o teu novo idioma de calquera forma que sexa creativa: grava cancións, fai un programa de radio, debuxa un cómic, escribe un poema...
6. Actúa como un neno.
Aprendemos a base de nos equivocar. Cando somos nenos, espérase que cometamos erros mais, cando somos adultos, os erros convértense nunha especie de tabú. Admite que non o sabes todo, acepta sen medo o erro. Libérate das túas barreiras de adulto.
7. Abandona a túa zona de confort.
Non ter medo a equivocarse significa estar preparado para poñerse en situacións potencialmente difíciles ou embarazosas. Isto pode dar un chisco de medo, mais é necesario para mellorar.
8. Escoita.
Tes que aprender a escoitar antes de aprender a falar. Calquera idioma soa raro a primeira vez, porén, canto máis o escoitas, máis familiar se volve e máis doado será falalo.
9. Mira a outros falando.
Idiomas distintos demandan cousas distintas da túa lingua, labios e garganta. A pronunciación é tanto física como mental. Observa e imita falantes nativos en vivo, en películas estranxeiras, en televisión en versión orixinal...
10. Fala contigo.
Se non tes a ninguén con quen falar no idioma que estás a aprender, non hai nada malo en falar contigo mesmo. Isto pode axudarche a aprender novas expresións e a estar máis confiado cando teñas que usalas con outra persoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario