21 de xul. de 2016

Historias en seis palabras


Ás veces a lenda dun escritor ou escritora supera sobradamente a súa biografía. Cóntase que Ernest Hemingway adoitaba reunirse cun grupo de amigos (actores, escritores, pintores, xornalistas...) no bar do Hotel Algonquin de Nova York. Seica unha noite, algo afectado polo alcóhol, Hemingway propuxo unha aposta sobre cal deles sería quen de facer unha novela con só seis palabras. Este miniconto, ademais, debía provocar o choro ou unha fonda tristura en quen que o lese.

Ao parecer, daquel desafío xurdiron varios microrrelatos. O seguinte é o atribuído a Hemingway:
For sale: Baby shoes. Never worn. ("Véndese: zapatos de bebé. Nunca usados"). 

Nada se pode asegurar sobre a veracidade da anécdota; con todo, o miniconto é ben fermoso. Unha desas historias mínimas que sobresae máis polo que omite que polo que di. Omisión de información deliberada que amplifica as posibles interpretacións do relato. Todo está «fóra do texto».

Inspiradas nesta anécdota literaria, xurdiron hai uns anos iniciativas curiosas como Six Word Story Every Day ou Six Word Stories.

http://sixwordstoryeveryday.com/

No ano 2010 desenvolveuse Six Word Story Every Day, unha colaboración entre Van Horgen, escritor, e Anne Ulku, deseñadora grafica. Nas súas palabras: «unha exploración narrativa diaria pola lingua e pola tipografía». 365 historias mínimas presentadas cos máis impactantes deseños e tipografías.

www.sixwordstories.net/

Six Word Stories é unha web que recolle, en inglés, historias de seis palabras como máximo. Mágoa que o sitio estea inactivo desde o 2014. Sería un grande recurso para poñerdes en práctica o voso inglés e engadirdes os vosos propios microrrelatos. Podedes gozar, iso si, das marabillas hiperbreves xa publicadas, que mesmo se ofrecen clasificadas por categorías: crime, humor negro, sexo, xogos de palabras... Aí van algunhas.
Flea flew from Fifi for Fido. («A pulga voou de Fifi a Fido»), Yalubill M.L. (7/9/2012) 
You’re not a good artist, Adolf. («Vostede non é un bo artista, Adolf»). Myoldaccntwasdeleted (2/28/2014)
Voyager still transmitted, but Earth didn’t. («A Voyager aínda transmitía, mais a Terra non»). ErasedCitizen (2/14/2014)

17 de xul. de 2016

Refráns ilustrados







Os refráns son un dos mellores espellos do modo de ser e de pensar dun pobo, con todas as súas virtudes e os seus defectos. A Churrusqueira peneira entre ese mar de ditos populares para nos ofrecer, baixo a etiqueta «refráns», unha coidada escolma. Ás veces estes refráns veñen acompañados dunha breve explicación; con todo, as imaxes que os ilustran xa dan unha idea ben clariña do seu significado. Gran traballo! Un recurso ideal para divulgar estas mostras da nosa sabedoría popular.

E para quen queira ter un refrán sempre á man, lembrade que desde hai uns anos dispoñemos da aplicación móbil Refraneiro Galego, para iOS e Android. Máis de 10.000 ditos populares de noso para consultardes en calquera momento en modo offline, sen necesidade de estar conectado a internet. Un verdadeiro tesouro!

http://refraneirogalego.com/

12 de xul. de 2016

In memoriam

Amigo Agustín, bo e xeneroso, sempre estarás con nós.

 

10 de xul. de 2016

Dará chegado a Bueu Rushad Egglestone?



Velaquí temos a Rushad Egglestone, violoncellista, compositor e poeta californiano, de paso Xustáns (Ponteareas), hai tres anos, a interpretar ao seu xeito o rei do nosos trabalinguas:
Se vou a Bueu nun bou, vou. Se non vou a Bueu nun bou, non vou.
Un enxebre xogo de palabras moi do gusto dos músicos. Desde o clásico de Andrés Dobarro, ao máis recente «Medomedá», incluído no libro-disco-DVD Xiqui xoque, fiú fiú! de María Fumaça (que xa vimos por aquí). Unha fermosa canción chea de enredos ludolingüísticos: a paronimia do seu título-retrouso, as onomatopeas e tamén o trabalinguas «das estrañas esixencias para o transporte marítimo». A gozar dela!



Unha nova peza para o noso karaoke!

4 de xul. de 2016

Humor escríbese con lapis

 

 

 

 

 

 

Miguel Bustos, ilustrador e diseñador gráfico de Barcelona, é o protagonista da nosa entrada de hoxe. A causa: o seu proxecto Humor se escribe con lápiz, un espazo en Instagram no que Bustos inclúe a cada pouco unha peza gráfica de humor ludolingüístico. Pezas nada requintadas que me recordan aquelas de The hay dias blog ou as de Kalle Mattson: un debuxo sinxelo e un xogo de palabras que, de forma automática, xeran unha asociación absurda e cómica. Canto se consegue con tan pouco!

«Eu considéroos chistes malos ou humor absurdo, mais é o tipo de humor que me fai rír», explica Bustos.

Pásavos a vós o mesmo?

30 de xuño de 2016

«Lettering», Coca-Cola e tradución



Abraiante, non si!? Seguíndolle a pista aos mestres do lettering, dei con este vídeo de Seb Lester que amosa a súa incrible habilidade para debuxar á man os logos dunha chea de empresas. Que pulso! Non canso de velo!

Por certo, o logo de Coca-Cola que deseña ao comezo tróuxome á memoria unha acécdota (unha máis) que nos fala das «dificultades» da tradución.

Sabido é que conquistar o mercado chinés é un obxectivo prioritario para calquera grande empresa. Disque cando a multinacional Coca-Cola intentou entrar na China buscou traducir o seu nome a un enunciado que para o oído chinés soase similar.

O primeiro nome foi kekoukela 嗑口蝌蠟. Grande erro: coa campaña publicitaria xa en marcha, caeron na conta de que os chineses, dependendo da súa variedade dialectal, interpretaban ‘morde o cágado de cera’ ou ‘egua rechea de cera’. Cousas da perigosa homofonía chinesa!

Coca-Cola dedicouse entón á titánica tarefa de buscar, entre os 40.000 caracteres do chinés, unha combinación que se aproximase foneticamente ao nome orixinal sen xerar traducións tan estrañas. Finalmente deron con kěkǒukělè 可口可乐. A primera sílaba 可 (kě) significa ‘aprobar ou permitir’. A segunda 口 (kǒu) quere dicir ‘boca’. Xuntas, 可口 (kě kǒu) significan ‘delicioso, saboroso’. E a derradeira sílaba 乐 (lè) expresa ‘felicidade’ ou ‘alegría’.

Así xurdiu, ao cabo, o nome da Coca-Cola chinesa, que combinaba á perfección similitude fonética e lema publicitario: ‘deliciosa felicidade’ ou ‘felicidade na boca’.

 

26 de xuño de 2016

Solución ao xeróglifo 10.000


Vale, vale! Que non se amoreen as respostas! Ha, ha!

Non espremades máis os miolos. Aquí xa deixo eu as solucións aos xeróglifos que propuxen hai unhas semanas co gallo dos 10.000 pasatempos en La Voz de Galicia.

1. Había moitos homes espidos na praia?
SOLUCIÓN: Nu un. (Nu –un ao revés– un)

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

SOLUCIÓN: De Rábade a Teo. (D er –re ao revés– abade ateo)

3. Sabes de onde son esas rapazas?
SOLUCIÓN: Unha é de Zas. (Unha e dez ás)

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?
SOLUCIÓN: Falador é, si. (Fa la dó re si)
 
5. De que faleceu a túa bisavoa?
SOLUCIÓN: De tuberculose. (De tubérculos e)

6. Que compraches no supermercado?
SOLUCIÓN: Cebolas e té. (Ce bóla sete) 
 
7. Que tomaches antes do banquete?
SOLUCIÓN: Moitos entremeses. (M oitos entre meses)

8. Por que dis que tes poderes paranormais?
SOLUCIÓN: Leo a mente. (Leoa mente) 

9. A que negocio se dedican os teus amigos?
 SOLUCIÓN: Importan té. (Importante)

10. Por que me mandaches para a cama?
 SOLUCIÓN: Vinte canso. (Vinte cans o)
 
11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?
SOLUCIÓN: Uniformado. (Un i formado)

22 de xuño de 2016

Tipografía feita nunha tixola

 

Unha tipografía, para quen lle gusten os ovos, ben apetecible. É a Eggs Font creada polos irmáns Loginov, que desde Estonia nos ofrecen unha chea de tipografías feitas á man. Comprobádeo na web da súa axencia: Hand Made Font.

Polo visto empregaron case 1000 ovos, 10 tixolas, 5 dedos queimados, 3 horas, 1 botella de aceite e un apartamento que quedou co cheiro a fritura durante semanas. Ben, todo iso... e máis unha boa dose de Photoshop, imaxino.

 

O caso é que, se vos presta completar o menú, podedes probar a Fried Potatoes Font, a Fresh Ketchup Font e, se cadra, a Yellow Ice-cream Font. Ao voso gusto!

18 de xuño de 2016

Vídeos, prexuízos e humor



Hai uns días, vía Carta Xeométrica, coñecín esta curtametraxe do alumnado de 1º Bach do «Obradoiro de Plástica» do IES As Barxas (Moaña), dirixido por Luz Veloso.

Vídeos, polo que se ve a cada intre, sempre necesarios! Custa traballo mesmo respirar con tanto prexuízo. Claro que sempre podemos intentar tomalo con sentido do humor! De novo, rir por non chorar!

14 de xuño de 2016

Os «palindramas» de Dan Mazur

 

 


 

 

Convosco, Dan Mazur, a enésima vítima do engado do palíndromo. Este debuxante de cómics, guionista e profesor, nado en Massachusetts, amosa o seu interesante traballo na rede.

Entre as súas pezas, dei con estas viñetas de cerne ludolingüístico: os «palindramas». Neles descubrimos, máis unha vez, o valor dos textos simétricos para o humor gráfico, na liña de compatiotras seus como John Agee.

Aquí deixo as traducións aproximadas destes palíndromos:
Peels pee dots to bore robots to deep sleep. («Puntos de mexo de pel para levar robots ao sono profundo».)
Beware, dips! Beware, wolf flower! A web! Spider!! A web!!! («Coidado, fochancas! Coidado, flor lobo! Unha arañeira! Araña!! Unha arañeira!!!»)
Dumb mud! But alright: a bath, girl! A tub! (Lama de sumidoiro! Está ben: un baño, rapaza! Unha bañeira!»)
Popes row worse, Pop! («Os papas reman peor, Pop!»)
Eros´s trade darts. Sore! («Os dardos comerciais de Eros. Doído!»)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...