28 de maio de 2016

O gallifreyan de Loren Sherman


Seguro que moitos nostálxicos corentóns teñen gravada na memoria, coma min, esta sintonía. Así comezaba na TVG, a finais dos anos 80 e comezos do 90, a serie de culto Doutor Who. Este é o seu argumento básico:
O misterioso extraterrestre Doutor Who parte en TARDIS, a súa máquina do tempo con forma de cabina telefónica, para intentar resolver problemas e erros do pasado e así conseguir a paz no universo. 
O Doutor, como os demais Señores do Tempo procedentes do planeta Gallifrey, tiña unha lingua de seu: o gallifreyan. Os creadores de Doutor Who nunca chegaron a desenvolver este idioma, nin sequera o seu alfabeto. Foron os incondicionais fans da serie os que se ocuparon de facelo. A versión escrita máis popular e amplamente aceptada é o «gallifreyan circular», deseñado por Loren Sherman.

Poderiamos dicir que non é un idioma en por si, senón unha forma de representación escrita. Un bo recurso criptográfico, abofé. Aí van unhas regras básicas:
1. No gallifreyan circular cada palabra organízanse nun círculo. As letras que a forman vanse dispoñendo sucesivamente desde a parte inferior dese círculo en sentido antihorario.
2. As letras represéntase de acordo con este alfabeto.
3. As vogais adxúntanse á consoante precedente, é dicir, escríbense no círculo da consoante anterior.
4. Para formar frases e oracións, todas as palabras que as forman enmárcanse nun círculo máis grande.
Así se escribe, por exemplo, «Xogos de Lingua» en gallifreyan, segundo o tradutor que podes descargar da propia web de Loren Sherman.

 

Para aprenderdes a escribir gallifreyan sen xeradores automáticos, cousa nada doada, como o propio Sherman recoñece, podedes consultar a súa guía (en inglés). Ou como alternativa, aquí tedes un sinxelo Prezi sobre o tema (en castelán). 



24 de maio de 2016

Pola rúa e... zas, foto! [1]

 

En exclusiva, o novo logo da Real Academia Galega, na súa reformada sede da rúa Tabernas da Coruña. Sen dúbida, un deseño cun aire máis dinámico e actual. Un vibrante globo de exclamación que quere representar vitalidade e modernidade. Xeitoso, non si?

Brincadeiras á parte, a fotografía corresponde en verdade ao letreiro dunha zapataría de Viena. Hai un par de veráns, de paseo polo centro da cidade, dei casualmente co rótulo. Foi velo e... zas, foto! Non puiden evitar lembrar a sigla da nosa Academia!

     

Así, de cando en vez, o ollo do ludolingüista atento descobre rarezas por aquí e acolá. Ocorreume algo semellante hai uns días na rúa Luís de Camões da Coruña. Ao pasar pola beirarrúa, un trazos inconexos de cores no enreixado dun local de tatuaxes ían collendo forma segundo me arredaba deles. Ao ollar a fachada desde un punto de vista lateral, aparecía a palabra «Tatoo». Un fermoso xogo de anamorfose, se cadra involuntario, pois coa reixa pechada a lectura xa non dependería da perspectiva. En todo caso, apañei o mobil e de novo... zas, foto!

 

E está claro que non son o único con esta «deformacion» da ollada ludolingüística, como vemos nesta xoia fotografada en Ourense. Pablo Grande, un dos creadores do xenial Un arácnido unha camiseta, descubriu na entrada dun bar ourensán esta ocorrente expresión da ambigüidade homonímica: «Hoxe morro». Entre publicidade gastronómica e a predición fatalista. Que marabilla! Zas, foto!

20 de maio de 2016

Días de tolos

 

Uf! Que días de tolos! Un tan cómodo no seu anonimato e, de súpeto, con motivo da cifra redonda dos 10000 xeróglifos, a xente de La Voz decide dedicarme a contra do xornal o mesmiño Día das Letras, e con vídeo na web incluído. Graciñas mil a María Cedrón e a Paco Rodríguez polo seu traballo.

E pola tarde unha nova sorpresa: a chamada de La Ventana, da cadea Ser, para unha entrevista! Aquí vos deixo o audio da charla con Carles Francino (entre os minutos 39:00 e 47:20).


En fin, desculpade esta paréntese autorreferente no blog. Estou, como diría alguén que coñezo, que non me colle un gran de millo no cu! Ha, ha!

16 de maio de 2016

10.000 días despois

1. Había moitos homes espidos na praia?

Como xa contei hai tempo, o 1 de xullo de 1988 tiven a oportunidade de comezar unha inesperada aventura ludolingüística: publicar os xeróglifos na sección de pasatempos de La Voz de Galicia.

Encabezando a entrada de hoxe, o xeróglifo 10000! Aí queda, como celebración doméstica dunha serie diaria ininterrompida que alcanzou xa este número redondo. Case 28 anos! Que vertixe!

E peza non foi seleccionada ao chou. Trátase dun xeróglifo sinxelo, mais cunha chea de calidades ludolingüísticas: pola súa solución monovocálica e palindrómica e polo seu deseño ambigramático.


E como con estas pistas resulta doado dar coa resposta, aquí vai un pequeno reto para todos vós: resolver tamén estoutros 10 xeróglifos. Animádesvos?

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

3. Sabes de onde son esas rapazas?

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?

5. De que faleceu a túa bisavoa?

6. Que compraches no supermercado?

7. Que tomaches antes do banquete?

8. Por que dis que tes poderes paranormais?

9. A que negocio se dedican os teus amigos?

10. Por que me mandaches para a cama?

11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?

10 de maio de 2016

Pingas de Lingua

 

Hoxe teño o pracer de presentar Pingas de Lingua, un proxecto didáctico dunha boa amiga: Eva Rosa López Villanueva. Despois de moitos meses de intenso traballo, xa está dispoñible na rede a súa páxina dedicada á práctica, amena e dinámica, de contidos gramaticais en liña.

As actividades do proxecto, organizadas segundo o nivel de dificultade, combinan texto, imaxes, audios e vídeos. O percorrido por elas resulta, ademais, moi doado e intuitivo.

Pingas de Lingua estrutúrase en 4 apartados:
Gramática. Ofrece diferentes actividades (de completar, relacionar, clasificar...) para o traballo dos contidos habituais: xénero, número, te/che, colocación dos pronomes ou conxugación verbal.
En imaxes. Incídese nas mesmas cuestións anteriores, pero con outra metodoloxía. Os exercicios son totalmente visuais e están baseados en imaxes reais: viñetas, memes, carteis publicitarios...
Cacha o erro. Cómpre detectar os erros (gramaticais e léxicos) nas imaxes achegadas xornais, memes, chistes, anuncios publicitarios, páxinas web... e corrixilos.
Popurrí. Recolle diversos contidos, desde unha serie de actividades elaboradas coa aplicación Learningapps, a unha completa guía didáctica.
E todo adobiado coas fermosas ilustracións de Telmo Dapena. Grande idea, por certo, a de converter o canciño Lor no fío condutor.

En suma, un recurso cunha chea de propostas lúdicas que nos permiten facer máis divertida a práctica dos contidos gramaticais. Que falta facía! Parabéns, Eva!

6 de maio de 2016

Palíndromos ilustrados [9]


E como colofón ao anterior comentario, un palíndromo ilustrado que asocio a Michelle Grangaud e á súa arte anagramática. Un enunciado reversible, breve e directo, que nos fala das penalidades dos esforzados ludolingüistas.

É doado imaxinar a poeta francesa, durante a creación de Stations, sufrindo unha e outra vez na busca da combinación de letras máis acaída. Na súa transformación dos nomes das estacións do metro de París non debeu de pasar poucas fatigas! Miña pobre!

Como brincadeira, aquí deixo un incipiente mapa alternativo da xeografía galega, de colleita propia. Quen se anima a amplialo?


En fin, para quen queira crear anagramas e sufrir algo menos que Michelle Grangaud, a falta dun xerador de anagramas en galego, aquí deixo un en portugués que pode resultar ben útil. Porque sempre é bo evitar que os anagramas nos amarguen!

Tradución:
Anagramas la amargan.
Anagrams make her bitter.

2 de maio de 2016

O metro en anagramas

Todo comezou en 1990, cando a poeta francesa Michelle Grangaud publicou Stationsun libro de poemas enteiramente elaborados con anagramas dos nomes das estación do metro de París.


 

Pouco tempo despois, Michelle ingresaría formalmente no Grupo Oulipo. Xa sabedes, tolos do enredo verbal e literario como Raymond Queneau, François Le Lionnais, Italo Calvino ou Georges Perec, autodefinidos como «ratas que deben construír por si mesmas o labirinto do cal se propoñen saír».

O caso é que, en poucos anos, a febre anagramática medrou sen control e pasou da creación poética aos mapas reais dos metros de medio mundo: París, Nova York, Chicago, Toronto, Viena, Oslo, Boston... Un traballo titánico de inspirados ludolingüístas que foron renomeando, con gran sentido de humor, as estacións de metro das grandes urbes.

Aquí quedan tres fantásticos exemplos, o mapa anagramático do metro de París (de Gilles Esposito-Farèse), o de Londres e o de Bos Aires. Con eles, algúns dos ocorrentes nomes de estacións que eses bailes de letras foron xerando.

Mapa anagramático do metro de París
Saint-Michel - Notre-Dame = Chastement méridional
Gare Montparnasse = Mon étranger passa
Châtelet = Thé lacté

Mapa anagramático do metro de Londres
Charing Cross = Chronic Grass
Westminster = Written Mess
Lancaster Gate = Castrate Angel

Mapa anagramático do metro de Bos Aires
Plaza de Mayo = Maleza y poda
Bolívar = Rabo Vil
Nueve de Julio = Elude un Viejo

29 de abr. de 2016

Coñeces o «lettering»?

 

A técnica de rotular á man non é nova. Así se creaban tradicionalmente carteis, letreiros, logotipos... Coa chegada da fotografía e dos ordenadores esta forma de traballar foi caendo en desuso. Quedou en cousa duns cantos nostálxicos: debuxantes de cómic, tatuadores, graffiteiros...

Con todo, hoxe o movemento do «feito á man» revitalizou esta técnica levándoa á vangarda no eido do deseño gráfico. Todo na busca de orixinalidade, autenticidade e personalización. Claro que, como pasa con tantas cousas tocadas pola variña máxica da modernidade, acabou sendo designada por un anglicismo: o lettering

Falamos, en definitiva, de rotulación artística á man. A dìferenza da caligrafía, non estamos a escribir senón a «debuxar» letras. En esencia, o lettering trata de crear unha peza de arte combinando a forma das letras, a composición, a cor ou a textura.

Unha volta ás orixes que nos permite gozar marabillados, por exemplo, de artistas como Abbey Sy, Chris Yoon e Glen Weisgerber, coas súas respectivas técnicas (lapis, xiz e pincel).





25 de abr. de 2016

Os números con María Fumaça



Despois de bastante tempo, de novo unha canción-karaoke. Desta volta, «Os números» do libro-disco-DVD Xiqui, xoque, fiú, fiú! (2014) de María Fumaça. Despois daquel primeiro traballo do «tren máis festeiro que houbo e que nunca haberá», chegou hai un par de anos esta segunda entrega musical, mestura creacións novas e tradicionais. Un proxecto solidario co mesmo grupo de colaboradores: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco...

«Son unha cando estou soa. Somos dous se ti estás comigo...» Así é esta deliciosa canción que fai máis doada e divertida a aprendizaxe dos números do 1 ao 10 para os máis pequenos. Igualiño que estoutras cantarelas infantís, que podemos atopar nese cofre cheo de tesouros que é Orella pendella.
Eu tiña dez canciños.
Un non come nin bebe,
non me quedan máis que nove.
Dos nove que me quedaban,
un comeu un biscoito,
non me quedan máis que oito.
Dos oito que me quedaban
un comeu un molete,
non me quedan máis que sete.
Dos sete que me quedaban
un levouno el rei,
non me quedan máis que seis.
Dos seis que me quedaban,
un matouse dun brinco,
non me quedan máis que cinco.
Dos cinco que me quedaban
un matouse dun salto,
non me quedan máis que catro.
Dos catro que me quedaban
un tragou un bisté,
non me quedan máis que tres.
Dos tres que me quedaban
un morreu do sol,
non me quedan máis que dous.
Dos dous que me quedaban,
un morreu dun susto,
non me queda máis que un.
Este can que me quedaba
matoumo un becerro,
non me queda ningún “perro”.
Unha e unha, dúas;
quero filloas das túas.
Dúas e dúas, catro;
ben postiñas no prato.
Catro e catro, oito;
dáme tamén biscoito.
Oito e oito, dezaseis;
trinta e dous pasteis.
Ponos nuha bandexa
e que ninguén os vexa.
Á unha, sae a Lúa,
ás dúas, sae o Sol,
ás
tres, ti ben o ves,
ás
catro, non sei canto,
ás
cinco, de viño branco faise tinto,
ás
seis, cantan os reis,
ás
sete, tira Pepe
e de
sete para riba, tira Pepe tira,
ás
oito, de pan de trigo faise biscoito,
ás
nove, non casa a muller sen o home,
ás
dez, non vai a cabra para o monte sen pés,
ás once, pasa o río por debaixo da ponte,
ás doce, non hai porco que non foce,
ás trece non hai crego que non rece,
ás catorce, ti retorce.

21 de abr. de 2016

O rei de Persia e a labrega

Hoxe, con vós, un enigma que, con distintos nomes, forma parte da tradición folclórica de distintas culturas e que no seu día xa publiquei en Sermos Galiza. Un deses contos cuxo protagonista, a través do enxeño, resolve felizmente unha situación difícil. Animádesvos a resolvelo?

O rei de Persia e a labrega
Un rei da antiga Persia saíu de caza unha mañá e atopouse cunha campesiña que estaba a arar.
—Canto gañas ao día? —preguntoulle.
—Tres dáricos, señor —repondeu a labrega—. O primeiro cómoo, o segundo póñoo ao xuro e o terceiro devólvoo.
O monarca non entendeu aquilo e pediulle á muller que lle aclarase as súas palabras. Só entón soubo a que se refería: coa primeira moeda comía ela; coa segunda dáballes de comer aos seus fillos, que a alimentarían tamén a ela no futuro, que é como poñer a moeda a rédito; e coa terceira mantiña o seu pai e así devolvíalle o que este fixera por ela.
—Moi ben explicado —repuxo o rei—. E agora prométeme que non lle contarás isto a ninguén ata veres a miña cara de novo cen veces.
A muller prometeullo solemnemente e o monarca, satisfeito, regresou ao seu palacio.
O rei, sentado á mesa cos seus ministros, propúxolles esta adiviña:
—Unha labrega gaña tres dáricos ao día. Come o primero, pon a xuro o segundo e devolve o terceiro. Cal é a solución?
Ninguén daba coa resposta. O primeiro ministro montou a cabalo, percorreu os campos e foi dar coa labrega que o rei atopara. Rogoulle que lle explicase a adiviña, se a coñecía.
—Así é, señor, mais non podo revelar a resposta xa que lle prometín ao rei non facelo ata ver polo menos cen veces a súa cara.
Con todo, o primeiro ministro deu coa forma de que a muller lle indicase a solución sen incumprir a súa palabra. De feito, regresou ao palacio e deulle ao rei a resposta exacta á adiviña. 
Como o conseguiu?

Solución ao enigma «Que palabra é?» (28-1-2016): Ao engadir a comiñas que faltan descubrimos que non é unha única palabra, senón varias: esta (4 letras), ten (3 letras), decote (6 letras), raramente (9 letras) e endexamais (10 letras)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...