‘Animal anfibio’, dúas letras. ‘Río galego’, tres letras... A quen non lle resultan familiares enunciados deste tipo? Quen non se enfrontou algunha vez ao reto de encher a grella dun encrucillado? Por algo este é, sen dúbida, o xogo de palabras máis popular do mundo.
Boa proba disto é a chea de variedades que podemos atopar. Máis alá do encrucillado convencional, hai palabras cruzadas para todos os gustos. E cada tipo, como xa nos anticipou nesta entrada Márius Serra, ten as orixes máis diversas. Aí vai unha breve clasificación:
Autodefinidos (Alemaña). Presenta definicións sintéticas dentro dos cadros negros da propia grella do encrucillado. Segundo Serra, resultado da «mentalidade práctica xermana», para evitar a molestia de ir abaixo na busca das definicións.
Silábicos (Xapón). En cada un dos cadros non se escriben letras senón sílabas. Nado no Xapón por ter a súa lingua un sistema de escritura silábico.
Brancos (Estados Unidos). Aparecen só cadros brancos na grella porque non se revela a posición dos cadros negros. Cómpre descubrilos a medida que se avanza na resolución. Froito da xenialidade Margaret Petherbridge Farrar, a primeira persoa que ocupou o cargo de editor de encrucillados e pasatempos do prestixioso The New York Times, entre 1942 e 1969.
Crípticos (Inglaterra). Cada definición é un xogo de enxeño en por si (adiviñas, enigmas, anagramas, xogos de palabras…). Moi populares no Reino Unido, onde destaca o encrucillado críptico de The Times.
Bilingües (Quebec). Inclúen palabras en dúas linguas distintas. Os primeiros xurdiron no Quebec, territorio francófono do Canadá. As palabras horizontais en francés e as verticais en inglés.
En fin, diversidade de encrucillados para un mundo diverso.
E, como outras veces, un agasallo final: aquí deixo a ligazón de crosswordlabs, un xerador de encrucillados en liña. Como eles mesmos din: de balde, rápido e doado. Pon un encrucillado na túa vida!
Solución (1-6-2013): Outros exemplos de paronimia: el lecho (‘o leito’) - helecho (‘fento’) - el hecho (‘o feito’).
Ningún comentario:
Publicar un comentario