Unha vez máis Les Luthiers e a súa habilidade para facernos escachar coa risa. A receita: moito sentido do humor, intelixencia, creatividade e... ludolingüística. Este grupo de músicos e cómicos arxentinos, que axiña fará 50 anos, agasállanos desta volta cunha hilarante explicación do argumento da obra teatral Otelo, de William Shakespeare, con esa insólita mestura de tramas (Otelo, Hamlet, Romeo e Xulieta... e, polo medio, Darwin!).
En todo caso, o que máis me chamou a atención do diálogo é o como se lle tirou rendemento cómico á paronimia. Xa sabedes, ese recurso que se basea na proximidade fonética de dúas palabras. Ao utilizar termos de son moi semellante e con significado moi distinto prodúcese un contraste de grande efectividade humorística.
Aí van unhas mostras: apócrifo (‘de autenticidade dubidosa’) - apóstrofe (‘signo gráfico’), etéreo (‘relativo ou pertencente ao ceo’) - estéreo (‘estereofónico’), tálamo (‘leito conxugal’) - álamo (‘árbore’).
Que? Animádesvos a identificar máis exemplos? Dádelle de novo ao play, gozade do humor de Les Luthiers e a buscar parónimos!
Solución (29-5-2013): Topónimo galego máis longo dunha frase (concellos): As Pontes de García Rodríguez (25 letras). Topónimo galego máis longo dunha palabra (concellos): Montederramo (12 letras), Pontecesures (12 letras)
Ningún comentario:
Publicar un comentario