Vía microsiervos dei cun xogo de lingua fascinante: The Great Language Game (O Gran Xogo das Linguas). Creado polo enxeñeiro e lingüista australiano Lars Yencken, ten unha mecánica ben sinxela: ofrécese un pequeno audio no que se fala un idioma concreto e dúas, tres ou catro alternativas entre as que elixir. Se recoñeces a lingua e acertas, vas acumulando puntos. Mais cada erro costarache unha «vida», e só dispós de tres.
Das 6000 linguas que existen hoxe no planeta, Yencken usou para o xogo só 80; porén, iso non o fai máis doado, nin moito menos. Resulta relativamente sinxelo distinguir o francés, o alemán ou o xaponés; mais a cousa ponse realmente dura cando o que toca é escoller entre o tamil, o húngaro, o tibetano... Uf! A poñer en marcha todo o teu oído e a túa intuición.
E o mellor é que, cando remata a serie, aparece unha información detallada sobre as tres linguas nas que se cometeron os erros.
En fin, poucas formas máis lúdicas coñezo para nos achegar á realidade da diversidade lingüística. Fantástico e adictivo! A xogar! Cal será o teu récord?
Ningún comentario:
Publicar un comentario