Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.
Celso Emilio Ferreiro, «A leución», Viaxe ao país dos ananos
E digo eu... Que tal se lle darían os encrucillados a Celso Emilio Ferreiro? Postos a poñer sobre a mesa as dificultades de aprender a vida e de resolver palabras cruzadas, non fago máis que imaxinar o poeta de Celanova espremendo os miolos cos encrucillados de solución máis arrevesada: os crípticos.
Os encrucillados crípticos, como xa indicamos hai tempo, teñen unha gran tradición no Reino Unido. Son ben máis complicados ca os «comúns». Cada idea desenvolta nas súas definicións é un enigma en si, isto é, cada pista contén algún tipo de xogo de palabras que cómpre resolver: anagramas, calembures, dobres definicións... Hai pouco dei con El críptico, un recuncho (en castelán) ideal para iniciarse deste tipo de pasatempos. Ánimo, non hai mellor ximnasia mental.
E, falando de exercicio mental, lembro agora unha curiosa historia. Aló polo 1986 un tal David Snowdon, neurólogo, decidiu iniciar unha investigación nunha comunidade de 678 monxas do convento de Notre Dame en Mankato, Minnesota. Elixiunas por constituiren un campo de estudo perfecto: ademáis de compartiren un mesmo espazo, bastante illado de influencias externas, tiñan estilos de vida e hábitos moi similares. Despois de quince anos de traballo, Snowdon descubriu que as irmás que mantiñan unha actividade mental constante (as afeccionadas aos encrucillados, as que escribían diarios...) vivían de promedio catro anos anos máis ca as outras. Os seus cerebros amosaban un 40 % máis de sinapses e unha membrana de mielina notablemente máis grosa, vital para a saúde cerebral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario