Xa vimos aquí ou aquí como de divertidos poden resultar os distintos tipos de letras. Na arañeira hai unha chea de xogos en liña de balde que explotan esa faceta lúdica da tipografía. Hoxe presentámosche un deles: Kern Type.
En tipografía, denomínase kerning ao axuste do espazo entre letras para mellorar a aparencia dun texto e facilitar a súa lectura. En galego poderiamos chamalo interletraxe. O xogo Kern Type, do deseñador Mark MacKay, pon a proba a túa habilidade para determinar este espazo correcto entre letras. Debes facelo con dez palabras compostas por cadansúa fonte. Cada intento será comparado coa solución correcta. Dependendo da túa precisión, conseguirás máis ou menos puntos.
Ideal para deseñadores ociosos, para friquis amantes da tipografía e para calquera que se enganche aos xogos só para bater as propias marcas.
Ah!, e prometo volver com máis tipografía lúdica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario