30 de xuño de 2015

A obra da misteriosa Amelia


Hoxe quero a dar conta dun feito estraño, mais completamente certo.

Hai unhas semanas apareceu na miña caixa do correo un CD ao meu nome e cunha remitente feminina descoñecida (adianto só o nome de pía: Amelia). Sen máis datos, non me decidía a introducir o CD no ordenador. A curiosidade finalmente venceu a prudencia e aló foi, dereitiño á rañura do portátil. O contido era un documento en PDF nomeado Elucidario. Máis nada.

Ao abrilo, descubrín dúas pequenas marabillas: un Elucidario (ao xeito da obra maxistral de Gonzalo Navaza) e un breve poemario co título de Cada palabra.

O Elucidario (do latín elucidarĭum, ‘libro que esclarece ou explica cousas escuras o difíciles de entender’) ofrece un abano alfabético de voces raras, ocorrentes e cheas de sentido do humor. Como sucedía coa obra homónima de Navaza, a orixe formal dos termos é moi variada: o calembur, a homonimia, a adición de letras (prótese, epéntese, paragoxe), a subtracción de letras (aférese, síncope, apócope) ou os trocos na súa posición (metátese).

Cada palabra ofrece unha presa de textos dominados tamén por un vizoso espírito ludolingüístico. Pezas cheas de creatividade que enredan co monovocalismo, co calembur, coa homonimia... Unha brillante homenaxe poética ao xogo coas palabras.

Ata o de agora, non souben máis da misteriosa autora. Para que me enviou ese orixinal? Despois de dubidar que facer durante días, non se me ocorreu nada mellor que contribuír a divulgar, neste modesto blog, o seu traballo. Co teu permiso, Amelia, aquí deixo un fragmento dun poema narrativo monovocálico en «a» de Cada palabra.
«A rapaza da balada amarga»
A chaparrada marzal acalmaba, a bafarada amansaba,
aclaraba a mañá. Na praza, a algarada aplacaba:
paraban as gargalladas, as argalladas, as ñáñaras,
as chácharas. As charlatanas das patacas, das mazás,
das castañas asadas, das laranxas, das fabas, calaban
tras as canastras, canda ás calandras da fraga, á par
das ras da braña. As cámaras saltaban a garda para
gravar a rapaza avanzar cara á bancada: alta, fraca,
lanzal, abrancazada, fantasmal, cansa, afastada, sacaba
a arpa da gastada arca alaranxada para cantar ata
alagar a praza. [...]
E tamén unha breve escolma alfabética dos centos de palabras do teu Elucidario.
Agradecemento.- Antiga extensión de cultivo afectada pola crecente urbanización.
Biodesagradable.- Substancia noxenta que se descompón de maneira natural.
Cotrasinal.- Marca de roña que serve de clave de acceso a algún lugar.
Chachachá.- Terra sen a máis mínima ondulación.
Desafiador.- Persoa que vai estragando o traballo dos afiadores, o que constitúe toda unha provocación.
Errosión.- Desgaste que produce equivocarse continuamente.
Funesto.- Individuo triste e sombrizo que sempre está a falar do seu pasado.
Granada.- Antigamente, froito que se lanzaba como proxectil para protexer a Alhambra.
Hamburguesarse.- Ir comer sempre ao McDonald’s por comodidade. Os que piden Happy Meal denomínanse pequenohamburgueses.
Independentista.- Odontólogo ao que lle gusta facer as cousas ao seu xeito.
Lemos.- Comarca lucense, cuxo nome vén dado polo seu alto grao de alfabetización.
Mornografía.- Representación que busca a excitación sexual do espectador, pero que non acaba de poñelo quente de todo.
Nobelista.- Escritor que nas súas obras enreda en exceso o fío argumental.
Ontedito.- Que xa foi dito con anterioridade, concretamente o día anterior.
Polivalente.- Axente destemido, e que vale para todo.
Quinteto.- Ubre cunha mamadeira de máis. Obs. Hai tamén sextetos e septetos; para os octetos ver Ubre dobre.
Raíña.- Pequeno anfibio que goberna a poza na que reside. Obs. Distínguese por unha pequena raia no lombo.
Segmentar.- Plantar a semente na terra, pero por zonas. Obs. Esta actividade é orixe da coñecida cantiga Segmentar, segmentarei, loguiño de clarear...
Textosterona.- Hormona propia dos escritores moi virís.
Trebón.- Trono de grande qualité.
Universo.- Poema dunha soa liña.
Vehementemente.- Paixón polos adverbios.
Xaolín.- Mestre oriental apaixonado pola literatura.
Zaragoza.- Repartición de beneficios en Inditex.
Parabéns, Amelia, polos teus textos cheos de inspiración, de humor e de afán lúdico!

E para rematar, como xa fixera no seu día coa obra de Navaza, aquí deixo unha sinxela actividade. Sodes quen de definir de forma ocorrente e humorística estas voces da colleita de Amelia?

Angorafobia - Circoncisión - Embarcanción - Respirada - Sornalista

5 comentarios:

Churrusqueira dixo...

Grandísima a tal Amelia. E aquí che deixo as miñas propostas:

Angorafobia: odio ou temor extremo á suavidade táctil, como a dos gatos homónimos ou a dos xerseis confeccionados co tecido do mesmo nome.
Circoncisión: acción e efecto de desmontar (desencarapuchar) a carpa tras o espectáculo circense.
Embarcanción: melodía capaz de transportar os individuos a lugares remotos mediante a suxestión psíquica.
Respirada: muller con tendencia á fuga (real ou imaxinaria) tras a inhalación prolongada do osíxeno presente no medio.
Sornalista: profesional dos medios incapaz de enfrontarse aos temas de actualidade sen retranca. [Esta é a miña palabra favorita da listaxe].

Carlos L. Medrano dixo...

Moi boas definicións! Algunha delas aproxímase moito ás orixinais de Amelia. Axiña darei as definitivas.
Por certo, ando a darlle voltas tirar novamente dalgunha das perlas do teu blog para unha entrada en Xogosdelingua.
Apertas

Churrusqueira dixo...

O máis parecido que teño ao dicionario de Amelia é a Churrusquenciclopedia, pero teño poucas entradas porque só se me ocorren cousas que teñan que ver coa actualidade.
Moi bo o vídeo sobre as bombas, penso que o utilizarei na clase cando falemos de Celso Emilio; só que é un chisco longo. Igual llelo descontextualizo e lles pido que pensen eles que representa.

Amelia I. Lema dixo...

Amelia I. Lema non é un nome: é un palíndromo!

Carlos L. Medrano dixo...

Poderiamos dicir que Amelia I. Lema é un nome e "tamén" un palíndromo.
Se se trata do teu nome, dun heterónimo, dun pseudónimo... de momento, só ti o sabes.
Por fin saes á luz! Ao desvelares o teu nome palindrómico completo sei que es ti. Seguirei chamándote Amelia. Parabéns polo teu espírito traveso!
Para o que precisares...

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...