14 de mar. de 2016

O incrible encrucillado preditivo

 

Pode un encrucillado predicir con total seguridade quen gañará unhas eleccións políticas? Grazas a Un arácnido unha camiseta, podo dicir que a resposta é... si!

O 5 de novembro de 1996 celebrábanse as eleccións presidenciais nos EUA con dous candidatos favoritos: o demócrata Bill Clinton e o republicano Bob Dole. Esa mañá, The New York Times publicou un encrucillado de Jeremiah Farrell que prognosticaba o gañador. A predición, realmente infalible, non se baseaba nos poderes vaticinadores de Farrell, senón no seu enxeño ludolingüístico.

Na definición 39 horizontal do pasatempo podía lerse: Lead story in tomorow's newspaper (algo así como ‘O protagonista dos titulares da prensa de mañá’). E, efectivamente, alí estaba o resultado cunhas horas de antelación: CLINTON ELECTED. A chave do enredo residía en que as definicións das voces verticais que achegaban as sete letras de CLINTON tamén podían achegar as sete de BOBDOLE. É dicir, neses espazos, as definicións verticais tiñan dúas solucións correctas: a 39 vertical dicía «Animal negro de Halloween» (podía ser cat ‘gato’ ou tamén bat ‘morcego’), a 40 vertical era «Palabra do francés básico» (servía lui ‘el’ mais tamén oui ‘si’) e así sucesivamente. Daquela temos dúas solucións alternativas (CLINTON e BOBDOLE) igualmente válidas. O erro era imposible!

 

O crucigramista Jeremiah Farrell creou así o que se coñece como un encrucillado de Schrödinger, na honra do físico austriaco Erwin Schrödinger e do seu paradoxo do gato, que serve para explicar o mundo cuántico, onde poden coexistir varios estados ao mesmo tempo. Fascinante!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...