Grupo surrealista en 1930. Da esquerda á dereita: Tzara, Eluard, Breton, Dalí, Arp, Tanguy, Ernst, Crevel e Man Ray. |
O cadáver exquisito é unha técnica ideada hai case 100 anos polos surrealistas. Estes inspiráronse nun vello xogo. Nel os participantes escriben un texto por quendas nunha folla de papel que, ao ser dobrada en cada intervención, impide que se coñeza o traballo dos demais. Esta forma de creación colectiva, ao introducir o azar no proceso creativo e ao reducir á mínima expresión a vontade consciente do autor, axeitábase á perfección aos postulados daqueles primeiros mozos dadaístas.
Adoita atribuírse o primeiro cadáver exquisito ao traballo conxunto dos poetas Robert Desnos, Tristán Tzara e André Breton, aló por 1925. O texto que crearon dicía: Le cadavre exquis boira le vin nouveau («O cadáver exquisito beberá o viño novo»). E de aí xurdiu o nome da técnica, que foi estendéndose, coas súas variantes, a outros ámbitos artísticos: pintura, arquitectura, música...
Hoxe, o cadáver exquisito é un recurso lúdico e colaborativo moi popular no eido educativo, como podemos ver aquí, aquí ou aquí. Hai tres anos, no marco do Culturgal 2013, a xente da fantástica Disquecool propuxo entre o público asistente a creación de varios cadáveres exquisitos. Cada participante continuaba un relato, mais coñecendo unicamente a última parte escrita. Aquí tedes o comezo dun deles. Se queredes lelo completo, podedes facelo aquí.
Animádesvos a crear os vosos propios cadáveres exquisitos?
Por certo, de sentirdes a irrefreable atracción so surrealismo, pode interésavos coñecer o Grupo Surrealista Galego.
Por certo, de sentirdes a irrefreable atracción so surrealismo, pode interésavos coñecer o Grupo Surrealista Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario