Para xogar cos enigmas sempre é boa idea acudir aos clásicos. E entre eles, como non, Lewis Carroll. O autor de Alicia no pais das marabillas foi un dos primeiros en facer das matemáticas un pasatempo. Esa idea inspirou gran parte dos seus textos, como os problemas matemáticos e lóxicos que publicou, entre 1880 e 1885, na revista The Monthly Packet.
Co tempo, eses enigmas converteríanse no libro Un conto enredado. O segundo dos seus relatos, titulado «A comida do gobernador», resulta un problema lóxico-lingüístico tan breve como diabólico. Ideal para espremer os miolos poñendo en práctica a capacidade de razoamento e tamén o vocabulario das relacións de parentesco.
A cea do gobernador
O gobernador de Kgovjni quere celebrar una cea íntima, á que pretende convidar o cuñado do seu pai, o sogro do seu irmán e o pai do seu cuñado. Cal é o menor número posible de convidados á cea?
Solución ao enigma «O rei de Persia e a labrega» (21-4-2016): O primeiro ministro sacou unha bolsa con cen dáricos, as moedas usadas naquel lugar. Deseguido foillas dando á campesiña, unha a unha, de xeito que vise gravada en todas a efixie do monarca, o propio rei Darío I.
2 comentarios:
O curso pasado, para celebrar o 150 aniversario de "Alicia" o departamento de lingua española do noso centro fixo varias actividades. Decoraron o centro cuns recortes dos personaxes do libro moi vistosos.
Desde o de matemáticas colaboramos cunha proposta de problemas no que estaba incluído este.
http://silledaasferreiras.blogspot.com.es/2015/05/problemas-matematicos-de-lewis-carroll2.html
http://silledaasferreiras.blogspot.com.es/2015/05/problemas-matematicos-de-lewis-carrol.html
Aínda que cun ano de atraso, parabéns pola experiencia! Gratificante para os que devecemos polo amigo Carroll e polas súas criaturas. Co voso permiso, aí vai unha publicación que a divulga.
Publicar un comentario