8 de nov. de 2012

Titultextos


Para quen non o coñeza, aquí deixo o enlace dun dos mellores blogs sobre literatura que coñezo: Lector en desvelo. Un espazo sobre libros e escritores cheo de curiosidades, afán lúdico e moito sentido do humor. Totalmente recomendable!

Unha das propostas máis divertidas de Lamberto García del Cid, o creador do blog, son os titultextos. Nas súas propias palabras: «un artificio ludolingüístico que consiste en incluir, nun parágrafo con sentido, o maior número de títulos de obras literarias». Nesta bitácora podedes atopar varios titultextos: este é o primeiro e no arquivo podes atopar outros. 

A literatura galega ofrécenos todo un ecosistema de títulos: hainos curtos (Nai, de Xosé Neira Vilas), longos (A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida, de Euloxio R. Ruibal), polisémicos (Follas novas, de Rosalía de Castro), paronímicos (Nós nus, de Olga Novo), onomatopeicos (Tic-tac, de Suso de Toro), palindrómicos (A torre da derrotA, de Gonzalo Navaza)...

Aproveitando esta diversidade, atrevinme a crear un titultexto con obras da literatura galega. Velaí vai, espero que vos guste. 
A dona do corpo delgado, despois de elevar as pálpebras, ollou arredor de si. Para ela, por mor do crime en Compostela, as cousas xa non eran igual. Desde a fiestra baldeira dun hotel de primeira sobre o río pensaba saudosa: «non vexo Vigo nin Cangas». Só podía contemplar os eidos da Terra Chá: herba aquí ou acolá, un millón de vacas e xente ao lonxe. Poñíase o sol do verán: era o crepúsculo. E as formigas a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando unha longa noite de pedra á lus do candil. Por sorte, chegou un Land Rover; e nel, Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, os dous de sempre. Por fin xa podía comezar a esmorga! 
Podedes descubrir todos os títulos que se recollen no anterior titultexto? E por que non probardes a crear os vosos propios titultextos? Suxírovos acudir, se o precisades, ao catálogo de obras da Biblioteca Virtual Galega para atopardes títulos á esgalla.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...