16 de maio de 2016

10.000 días despois

1. Había moitos homes espidos na praia?

Como xa contei hai tempo, o 1 de xullo de 1988 tiven a oportunidade de comezar unha inesperada aventura ludolingüística: publicar os xeróglifos na sección de pasatempos de La Voz de Galicia.

Encabezando a entrada de hoxe, o xeróglifo 10000! Aí queda, como celebración doméstica dunha serie diaria ininterrompida que alcanzou xa este número redondo. Case 28 anos! Que vertixe!

E peza non foi seleccionada ao chou. Trátase dun xeróglifo sinxelo, mais cunha chea de calidades ludolingüísticas: pola súa solución monovocálica e palindrómica e polo seu deseño ambigramático.


E como con estas pistas resulta doado dar coa resposta, aquí vai un pequeno reto para todos vós: resolver tamén estoutros 10 xeróglifos. Animádesvos?

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

3. Sabes de onde son esas rapazas?

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?

5. De que faleceu a túa bisavoa?

6. Que compraches no supermercado?

7. Que tomaches antes do banquete?

8. Por que dis que tes poderes paranormais?

9. A que negocio se dedican os teus amigos?

10. Por que me mandaches para a cama?

11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?

10 de maio de 2016

Pingas de Lingua

 

Hoxe teño o pracer de presentar Pingas de Lingua, un proxecto didáctico dunha boa amiga: Eva Rosa López Villanueva. Despois de moitos meses de intenso traballo, xa está dispoñible na rede a súa páxina dedicada á práctica, amena e dinámica, de contidos gramaticais en liña.

As actividades do proxecto, organizadas segundo o nivel de dificultade, combinan texto, imaxes, audios e vídeos. O percorrido por elas resulta, ademais, moi doado e intuitivo.

Pingas de Lingua estrutúrase en 4 apartados:
Gramática. Ofrece diferentes actividades (de completar, relacionar, clasificar...) para o traballo dos contidos habituais: xénero, número, te/che, colocación dos pronomes ou conxugación verbal.
En imaxes. Incídese nas mesmas cuestións anteriores, pero con outra metodoloxía. Os exercicios son totalmente visuais e están baseados en imaxes reais: viñetas, memes, carteis publicitarios...
Cacha o erro. Cómpre detectar os erros (gramaticais e léxicos) nas imaxes achegadas xornais, memes, chistes, anuncios publicitarios, páxinas web... e corrixilos.
Popurrí. Recolle diversos contidos, desde unha serie de actividades elaboradas coa aplicación Learningapps, a unha completa guía didáctica.
E todo adobiado coas fermosas ilustracións de Telmo Dapena. Grande idea, por certo, a de converter o canciño Lor no fío condutor.

En suma, un recurso cunha chea de propostas lúdicas que nos permiten facer máis divertida a práctica dos contidos gramaticais. Que falta facía! Parabéns, Eva!

6 de maio de 2016

Palíndromos ilustrados [9]


E como colofón ao anterior comentario, un palíndromo ilustrado que asocio a Michelle Grangaud e á súa arte anagramática. Un enunciado reversible, breve e directo, que nos fala das penalidades dos esforzados ludolingüistas.

É doado imaxinar a poeta francesa, durante a creación de Stations, sufrindo unha e outra vez na busca da combinación de letras máis acaída. Na súa transformación dos nomes das estacións do metro de París non debeu de pasar poucas fatigas! Miña pobre!

Como brincadeira, aquí deixo un incipiente mapa alternativo da xeografía galega, de colleita propia. Quen se anima a amplialo?


En fin, para quen queira crear anagramas e sufrir algo menos que Michelle Grangaud, a falta dun xerador de anagramas en galego, aquí deixo un en portugués que pode resultar ben útil. Porque sempre é bo evitar que os anagramas nos amarguen!

Tradución:
Anagramas la amargan.
Anagrams make her bitter.

2 de maio de 2016

O metro en anagramas

Todo comezou en 1990, cando a poeta francesa Michelle Grangaud publicou Stationsun libro de poemas enteiramente elaborados con anagramas dos nomes das estación do metro de París.


 

Pouco tempo despois, Michelle ingresaría formalmente no Grupo Oulipo. Xa sabedes, tolos do enredo verbal e literario como Raymond Queneau, François Le Lionnais, Italo Calvino ou Georges Perec, autodefinidos como «ratas que deben construír por si mesmas o labirinto do cal se propoñen saír».

O caso é que, en poucos anos, a febre anagramática medrou sen control e pasou da creación poética aos mapas reais dos metros de medio mundo: París, Nova York, Chicago, Toronto, Viena, Oslo, Boston... Un traballo titánico de inspirados ludolingüístas que foron renomeando, con gran sentido de humor, as estacións de metro das grandes urbes.

Aquí quedan tres fantásticos exemplos, o mapa anagramático do metro de París (de Gilles Esposito-Farèse), o de Londres e o de Bos Aires. Con eles, algúns dos ocorrentes nomes de estacións que eses bailes de letras foron xerando.

Mapa anagramático do metro de París
Saint-Michel - Notre-Dame = Chastement méridional
Gare Montparnasse = Mon étranger passa
Châtelet = Thé lacté

Mapa anagramático do metro de Londres
Charing Cross = Chronic Grass
Westminster = Written Mess
Lancaster Gate = Castrate Angel

Mapa anagramático do metro de Bos Aires
Plaza de Mayo = Maleza y poda
Bolívar = Rabo Vil
Nueve de Julio = Elude un Viejo

29 de abr. de 2016

Coñeces o «lettering»?

 

A técnica de rotular á man non é nova. Así se creaban tradicionalmente carteis, letreiros, logotipos... Coa chegada da fotografía e dos ordenadores esta forma de traballar foi caendo en desuso. Quedou en cousa duns cantos nostálxicos: debuxantes de cómic, tatuadores, graffiteiros...

Con todo, hoxe o movemento do «feito á man» revitalizou esta técnica levándoa á vangarda no eido do deseño gráfico. Todo na busca de orixinalidade, autenticidade e personalización. Claro que, como pasa con tantas cousas tocadas pola variña máxica da modernidade, acabou sendo designada por un anglicismo: o lettering

Falamos, en definitiva, de rotulación artística á man. A dìferenza da caligrafía, non estamos a escribir senón a «debuxar» letras. En esencia, o lettering trata de crear unha peza de arte combinando a forma das letras, a composición, a cor ou a textura.

Unha volta ás orixes que nos permite gozar marabillados, por exemplo, de artistas como Abbey Sy, Chris Yoon e Glen Weisgerber, coas súas respectivas técnicas (lapis, xiz e pincel).





25 de abr. de 2016

Os números con María Fumaça



Despois de bastante tempo, de novo unha canción-karaoke. Desta volta, «Os números» do libro-disco-DVD Xiqui, xoque, fiú, fiú! (2014) de María Fumaça. Despois daquel primeiro traballo do «tren máis festeiro que houbo e que nunca haberá», chegou hai un par de anos esta segunda entrega musical, mestura creacións novas e tradicionais. Un proxecto solidario co mesmo grupo de colaboradores: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco...

«Son unha cando estou soa. Somos dous se ti estás comigo...» Así é esta deliciosa canción que fai máis doada e divertida a aprendizaxe dos números do 1 ao 10 para os máis pequenos. Igualiño que estoutras cantarelas infantís, que podemos atopar nese cofre cheo de tesouros que é Orella pendella.
Eu tiña dez canciños.
Un non come nin bebe,
non me quedan máis que nove.
Dos nove que me quedaban,
un comeu un biscoito,
non me quedan máis que oito.
Dos oito que me quedaban
un comeu un molete,
non me quedan máis que sete.
Dos sete que me quedaban
un levouno el rei,
non me quedan máis que seis.
Dos seis que me quedaban,
un matouse dun brinco,
non me quedan máis que cinco.
Dos cinco que me quedaban
un matouse dun salto,
non me quedan máis que catro.
Dos catro que me quedaban
un tragou un bisté,
non me quedan máis que tres.
Dos tres que me quedaban
un morreu do sol,
non me quedan máis que dous.
Dos dous que me quedaban,
un morreu dun susto,
non me queda máis que un.
Este can que me quedaba
matoumo un becerro,
non me queda ningún “perro”.
Unha e unha, dúas;
quero filloas das túas.
Dúas e dúas, catro;
ben postiñas no prato.
Catro e catro, oito;
dáme tamén biscoito.
Oito e oito, dezaseis;
trinta e dous pasteis.
Ponos nuha bandexa
e que ninguén os vexa.
Á unha, sae a Lúa,
ás dúas, sae o Sol,
ás
tres, ti ben o ves,
ás
catro, non sei canto,
ás
cinco, de viño branco faise tinto,
ás
seis, cantan os reis,
ás
sete, tira Pepe
e de
sete para riba, tira Pepe tira,
ás
oito, de pan de trigo faise biscoito,
ás
nove, non casa a muller sen o home,
ás
dez, non vai a cabra para o monte sen pés,
ás once, pasa o río por debaixo da ponte,
ás doce, non hai porco que non foce,
ás trece non hai crego que non rece,
ás catorce, ti retorce.

21 de abr. de 2016

O rei de Persia e a labrega

Hoxe, con vós, un enigma que, con distintos nomes, forma parte da tradición folclórica de distintas culturas e que no seu día xa publiquei en Sermos Galiza. Un deses contos cuxo protagonista, a través do enxeño, resolve felizmente unha situación difícil. Animádesvos a resolvelo?

O rei de Persia e a labrega
Un rei da antiga Persia saíu de caza unha mañá e atopouse cunha campesiña que estaba a arar.
—Canto gañas ao día? —preguntoulle.
—Tres dáricos, señor —repondeu a labrega—. O primeiro cómoo, o segundo póñoo ao xuro e o terceiro devólvoo.
O monarca non entendeu aquilo e pediulle á muller que lle aclarase as súas palabras. Só entón soubo a que se refería: coa primeira moeda comía ela; coa segunda dáballes de comer aos seus fillos, que a alimentarían tamén a ela no futuro, que é como poñer a moeda a rédito; e coa terceira mantiña o seu pai e así devolvíalle o que este fixera por ela.
—Moi ben explicado —repuxo o rei—. E agora prométeme que non lle contarás isto a ninguén ata veres a miña cara de novo cen veces.
A muller prometeullo solemnemente e o monarca, satisfeito, regresou ao seu palacio.
O rei, sentado á mesa cos seus ministros, propúxolles esta adiviña:
—Unha labrega gaña tres dáricos ao día. Come o primero, pon a xuro o segundo e devolve o terceiro. Cal é a solución?
Ninguén daba coa resposta. O primeiro ministro montou a cabalo, percorreu os campos e foi dar coa labrega que o rei atopara. Rogoulle que lle explicase a adiviña, se a coñecía.
—Así é, señor, mais non podo revelar a resposta xa que lle prometín ao rei non facelo ata ver polo menos cen veces a súa cara.
Con todo, o primeiro ministro deu coa forma de que a muller lle indicase a solución sen incumprir a súa palabra. De feito, regresou ao palacio e deulle ao rei a resposta exacta á adiviña. 
Como o conseguiu?

Solución ao enigma «Que palabra é?» (28-1-2016): Ao engadir a comiñas que faltan descubrimos que non é unha única palabra, senón varias: esta (4 letras), ten (3 letras), decote (6 letras), raramente (9 letras) e endexamais (10 letras)

17 de abr. de 2016

De poetas, cadáveres e xogos

Grupo surrealista en 1930. Da esquerda á dereita: Tzara, Eluard, Breton, Dalí, Arp, Tanguy, Ernst, Crevel e Man Ray.

O cadáver exquisito é unha técnica ideada hai case 100 anos polos surrealistas. Estes inspiráronse nun vello xogo. Nel os participantes escriben un texto por quendas nunha folla de papel que, ao ser dobrada en cada intervención, impide que se coñeza o traballo dos demais. Esta forma de creación colectiva, ao introducir o azar no proceso creativo e ao reducir á mínima expresión a vontade consciente do autor, axeitábase á perfección aos postulados daqueles primeiros mozos dadaístas.

Adoita atribuírse o primeiro cadáver exquisito ao traballo conxunto dos poetas Robert Desnos, Tristán Tzara e André Breton, aló por 1925. O texto que crearon dicía: Le cadavre exquis boira le vin nouveau («O cadáver exquisito beberá o viño novo»). E de aí xurdiu o nome da técnica, que foi estendéndose, coas súas variantes, a outros ámbitos artísticos: pintura, arquitectura, música...

Hoxe, o cadáver exquisito é un recurso lúdico e colaborativo moi popular no eido educativo, como podemos ver aquí, aquí ou aquí. Hai tres anos, no marco do Culturgal 2013, a xente da fantástica Disquecool propuxo entre o público asistente a creación de varios cadáveres exquisitos. Cada participante continuaba un relato, mais coñecendo unicamente a última parte escrita. Aquí tedes o comezo dun deles. Se queredes lelo completo, podedes facelo aquí.





Animádesvos a crear os vosos propios cadáveres exquisitos?

Por certo, de sentirdes a irrefreable atracción so surrealismo, pode interésavos coñecer o Grupo Surrealista Galego.

14 de abr. de 2016

Palíndromos ilustrados [8]


Un novo palíndromo ilustrado. E desta volta, chegado directamente dos violentos reinos de Xogo de Tronos. Con ese «norte», con ese «dragón anano» e con ese «trono», non podía ser doutra maneira.

O universo literario de George R. R. Martin xa apareceu por Xogosdelingua hai un tempo para falarmos do dothraki, a lingua de ficción xurdida da serie televisiva. Hoxe, a poucos días da estrea da nova tempada, aquí queda este palíndromo.

E ante o máis que probable caso de vos encontrardes algún día entre feros dothrakis, dous recursos que vos axudarán na aprendizaxe do seu idioma: para os máis modernos, un paquete de dicionario + curso on line + app; para nostálxicos, un curso en VHS de Muzzy, que pasou de aprendernos inglés hai máis de 20 anos a darnos clases de dothraki. A gozar da delirante parodia da canle de Youtube Nacho Punch do anuncio orixinal!


Tradución:
El norte... dragón enano guarda trono.
The north... dwarf dragon keeps throne.

10 de abr. de 2016

O alfabeto «eléctrico»



Xa vimos, con Lisa Rienermann, que mirar cara ao ceo con ollos famentos de letras pode axudar a descubrir alfabetos completos. É o mesmo que lle ocorreu á xente da axencia de publicidade Leo Burnett de Lisboa.

Nesta ocasión, a vista foi fixada na extensa arañeira de cables que corta o ceo da capital portuguesa e pola que circulan os seus carismáticos «eléctricos». De entre as multiples formas que o cruzamento aleatorio deses arames creou, en Leo Burnett tiraron o alfabeto completo, os números e tamén os signos ortográficos.

  

Naceu así a fonte LX Type, que pola colaboración da Cámara Municipal se converteu na fonte oficial da cidade. 
 
 

Unha tipografía que pode ser explorada e descargada de balde na web do proxecto. Cada letra revela, ademais, un lugar emblemático de Lisboa a onde é posible chegar en tranvía, transformando o alfabeto nunha magnífica guía da cidade.


 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...