«Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos».Ningún pé mellor para o vídeo que encabeza a entrada: o artigo 47 da Constitución. Hoxe, dito de forma enxebre, «auga de castañas». Sobre todo cando se sabe que en Galicia hai unhas 4.000 persoas que viven na rúa e en todo o Estado unhas 30.000. Sobre todo despois de que a burbulla inmobiliaria, engordada durante anos entre especuladores e poderes públicos, nos estoupase nos fociños deixando case 3 millóns de vivendas baleiras.
Non hai moito, viu a luz o proxecto solidario «Diseño contra la pobreza». Con financiación europea, foi desenvolvido por estudos de deseño, por ONGs e polos propios protagonistas, as persoas sen fogar.
Unha das súas iniciativas consistía nunha serie de vídeos que daba testemuño da viaxe dos «sen teito» desde a rúa á integración social. A peza anterior, titulada «Maestros del crucigrama», amósanos como os «insignificantes» encrucillados axudan a estas persoas. Para xente como Martín ou Jaume, un encrucillado convértese nunha forma accesible de pasar o tempo, de manter a mente ocupada e esperta e, se cadra, de conservar a cordura na súa situación.
Neste mundo globalizado, en crise e a mercé dos mercados, cada vez parece haber menos espazo para a dignidade humana. Abraham Lincoln, o presidente que aboliu da escravitude nos EEUU, dixo unha vez: «É difícil facer miserable un home mentres este se sinta digno de si». Consola ver como os encrucillados poden achegar o seu pequeno granciño de area a prol desa dignidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario