Coñeciades esta insólita aplicación musical da esquecida arte da mecanografía? The typewriter (1950), de Leroy Anderson, é unha marabillosa peza para máquina de escribir e orquestra, de xénero inclasificable, que lle tira todo o partido sonoro a ese «instrumento de percusión»: teclas, panca, carro, campaíña... Unha melodía clásica cunha chea de versións na rede e que tamén foi popularizada no cine polo cómico Jerry Lewis.
Lembrei este vídeo ao saber do filme francés Populaire (2012), que conta en clave de comedia as peripecias dunha moza mecanógrafa. Sempre envexei esas mans rápidas a bailar cos dez dedos sobre o teclado con rítmica perfección. Eu non paso dun torpe tremelicar con dous ou tres dedos. Para os que queiran mellorar a súa habilidade mecanográfica ou só enredar cun entretido pasatempo en liña, aquí van estas dúas ligazóns: no primeiro xogo cómpre ser lixeiros ao teclear as palabras das naves espaciais para liberar os aliens abducidos e no segundo compítese nunha carreira por escribir un texto antes ca o contrincante.
Así que, xa sabedes, a darlle á tecla e calquera día, se cadra, acabaredes interpretando, como solistas, a xenial The typewriter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario