Aquí andamos xa de volta. E de primeiro prato, para comezar a nova tempada, Sopas Galegas: unha nova app de pasatempos na nosa lingua que descubrín vía Aprofa.
Imaxina que vas viaxando no bus, arrolado polo vaivén que provocan as constantes curvas das estradas do noso país, mirando pola xanela sen nada que facer. Pois nese caso tes dúas opcións, ou quedar sopa, ou facer unhas sopas.
Así se deixa querer este xogo de sopas de letras para smartphones ou tablets con Android, desenvovido desde debullapps por «un electricista en paro que intenta aprender a programar e mais un proxecto de médico a medio facer».
En calquera caso, un granciño de area máis no anémico panorama das nosas apps ludolingüísticas. É posible descargala, de balde, de GooglePlay.
Por certo, de sobremesa, aquí vos deixo outras sopas cun toque de sabores lácteos. Con estas podedes xogar en liña. Bo proveito!
Ningún comentario:
Publicar un comentario