Sempre estou atento a ese fervedoiro de proxectos e actividades que é Ollapoloburatiño, a bitácora da miña boa amiga Susana Lamela. Desta vez, do outro lado do burato aparece o «Proxecto tableTTeando», unha iniciativa que busca aproveitar as posibilidades didácticas dos dispositivos móbiles na aula.
A chegada de 14 tablets ao seu grupo de 2º de EP foi o punto de partida. Con elas, búscase poñer en práctica «outro xeito de favorecer a lectura e a comprensión lectora a través dunha aprendizaxe colaborativa». Xa levan traballado cunhas cantas apps, como ColarMix (para lle daren vida aos seus debuxos) ou SoundCloud (para gravaren as súas lecturas). E hai pouco deron a coñecer unha curiosa iniciativa ludolingüística: os nenos e nenas puxéronse a xogar ao Letris 2, a nova versión dese xogo no que hai que formar palabras coas letras que van caendo (ao xeito do clásico Tetris).
Unha grande idea para facer ximnasia mental á vez que se practica o vocabulario e a ortografía. Seguro que os nenos agradeceron ese refacho de aire fresco. Parabéns!
Ningún comentario:
Publicar un comentario