Descubrín Webcedário e aló foi, dereitiño á listaxe de «Lambetadas». Un recuncho máis para visitar por gusto, polo simple pracer de enredar coa lingua.
Trátase dun espazo de letras falantes cheas de personalidade e de moito, moito, sentido do humor. Naceu no 2005 a xeito de blog, máis tarde faríase web e hoxe alóxase en Pinterest e en Facebook (mesmo con versión inglesa). O tremendo éxito de Webcedário fixo que acabase editado tamén en papel (que proeza!).
Os seus creadores orixinais foron os deseñadores gráficos lisboetas João Cóias e Miguel Velhinho. O esforzo de escribiren publicacións con regularidade levounos a admitir colaboracións esporádicas doutros autores. Dous deles, José Nunes e Marco António, foron convidados a participar regularmente co seu humor gráfico. Así, hoxe son catro os pais da criatura.
Se vos gusta o humor ludolingüístico e intelixente, non deixedes de visitar Webcedário: sorrisos garantidos! Déixovos co vídeo que crearon para lle dar a benvida a este ano 2014. Que vos preste!
Ningún comentario:
Publicar un comentario