A cidade dos Ánxeles acordou a rir no primeiro día do ano. O letreiro xigante na aba do monte Lee, visible desde boa parte de Hollywood, apareceu alterado, simplemente cuns grandes panos brancos e negros, mudando «HOLLYWOOD» en «HOLLYWEED» (‘herba sagrada’ ou máis ben ‘bendita marihuana’). Durante a noite, algún afouto ludolingüista decidiu transformar o dobre «o» en dobre «e», xerando unha das imaxes máis difundidas e comentadas na entrada do novo ano. Este valente celebraba así a legalización da marihuana no estado de California o pasado mes do novembro.
Mais o feito é que esta non era a primeira vez que se producía a brincadeira verbal. En idéntica noite de 1976, hai xustiño corenta e un anos, outro perigoso ludolingüista andaba solto: Daniel N. Finegood, un mozo estudante de arte, alterou do mesmo xeito as enormes letras para conmemorar a entrada en vigor dunha lei que despenalizaba a posesión de cánnabis en California.
Hoxe, xa se coñece a indentidade do misterioso maleante que fixo o cambio hai 10 días: o artista Zachary Cole Fernández, que vén de entregarse ás autoridades acompañado polo seu avogado. Parabéns Zachary! Parabéns Daniel!
Ningún comentario:
Publicar un comentario