Vese que no IES ROU (Vigo) gozan xogando coa forma gráfica das letras e das palabras. Polo que contan no seu blog, a raíz do deseño duns letreiros para os cultivos da súa horta, o alumnado de 1º da ESO descubriu «o gran potencial plástico das palabras escritas». Daquela, propuxéronse enredar co alfabeto para facer debuxos.
As imaxes deseñadas que vemos no encerado corresponden a abril do 2013. E o vídeo que vai deseguido a xuño do 2015.
Por aquí hai tipografada unha caléndula, por alá un café por acolá unha chave perdida, un pirata, un peixe pirateado, un submariño amarelo, un ovo cósmico que contén todo o sol, unha nube e un feixe de chuvia, un reloxo marcando unha hora bendita e moitas outras propostas.
Asi comentan a variedade de pezas creadas, que chamaron «palabrogramas», a medio camiño entre os pinacogramas e os caligramas. Parabéns para toda a rapazada deste instituto de Teis pola súa creatividade ludolingüística!
Solución ás pezas de humor gráfico (15-1-17): Polisemia: Programa ‘cada unha das unidades emitidas pola radio ou a televisión, que tratan dun tema determinado’ / ‘conxunto de instrucións que fai que unha máquina ou aparello realice determinadas operacións’. Carne ‘parte mol dos animais mamíferos e aves, particularmente a comestible das reses’ / ‘parte material do home, por oposición co espírito, inclinada ao sensual e á luxuria’. Móbil ‘aparello telefónico automático e de pequenas dimensións, que permite realizar e recibir chamadas desde calquera punto dentro da súa cobertura. / ‘aquilo que impulsa a realizar certa acción’. Atracar ‘atacar con armas co propósito de roubar’ / ‘arrimarse unha embarcación e quedar amarrada a terra’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario