Cando vin por primeira vez esta imaxe, quedei abraiado e mesmo pensei que debía ser unha montaxe fotográfica.
Mais ao indagar un chisco sobre este encrucillado xigante, descubrín
que se trataba dunha brillante idea de promoción turística da cidade
ucraína de Lviv, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1998. As
autoridades locais decidiran levar adiante un innovador proxecto
artístico: estampar un encrucillado de 30 metros de altura na fachada
lateral dun edificio de apartamentos. De feito, é o encrucillado máis
grande (en tamaño real) do mundo.
Cando o vemos,
podemos pensar que se trata dunha simple imaxe decorativa, dun pasatempo
sen contido. Fáltanos algo para completar a ecuación: as preguntas.
Pois
si que as hai. Estan esparexidas por distintos lugares de interese da cidade:
museos, teatros, fontes... Cando os visitantes percorren estes
espazos, van anotando as respostas ás preguntas que atopan.
E
o mellor vén á noite. Se os turistas acoden ao edificio-encrucillado
cando escurece, poden comprobar se as súas respostas son as correctas xa
que entón todos os cadros, en branco á luz do día, amosan as súas
letras, gravadas cunha tinta fluorescente especial que se activa co
alumeado da rúa.
Unha orixinal e enxeñosa aplicación da ludolingüística ao servizo da promoción dunha cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario