14 de dec. de 2012

Un trevo de catro follas!


Velaquí un auténtico trevo de catro follas! Un poema acróstico e tautogramático asemade. Cousa ben feita! O autor deste «duplo salto mortal» é un bo amigo: Xosé Amancio Liñares Giraut, profesor, escritor, historiador e codirector de tresCtres editores. Non hai moito, Xosé Amancio tivo a amabilidade de facerme chegar algunha información sobre esta faceta súa que eu descoñecía.

O certo é que compuxo dúas fermosas pezas deste tipo. A primeira, «Irmáns», creouna aló polo 1979 (con 18 anos) e foi publicada no 1992, na coñecida colección Biblioteca 114 de El Correo Gallego:
I nquedanzas infindas e ilusións inmortais:
R enacer, rexamente, á revolución roubada.
M orrer?: matando o medo e a miseria miserenta.
A pagar alumando con ardor (ardentemente).
N amorar.
S ó sorrindo e sempre soñando, IRMÁNS.

                 X. Amancio Liñares Giraut, «Matinando en Yolanda», ¡Ouh Galicia maná!
A segunda composicion, «Vacas», é a que vemos na fotografía inicial e foi elaborada ex profeso para o libro de Xurxo Lobato No país das vacas (2009). Un volume que deu orixe a unha estupenda mostra fotográfica que neste ano 2012 circulou por varias cidades do país:
V alor verdadeiro, vangardista e sen vaidade: o vacún vizoso é vida. ¡Vivan as vacas, as vacadas, as vacarizas!
A chégannos alimento
ab aeterno, abeiro, agro, agroindustria, abundancia, agarimo, acougo, amor.
C ando coñezamos con certeza a súa cerna, o seu caletre, capacidades, cénit... (cita Castelao, coruscando).
A talieiros, acadaremos arreo adiantos auténticos, autoestima, autonomía e autoxestión, autoidentificación agrícola, autodeterminación agraria.
S ucando e sementando sempre. V. V.: ¡Vademécum vacún!

                 X. Amancio Liñares Giraut, en No país das vacas (de Xurxo Lobato)
En fin, dúas rarezas marabillosas, dous poemas virtuosos no formal e cargados tamén de mensaxe. Quen se anima a crear novas combinacións de acróstico + tautograma? A quen non lle gustan os trevos de catro follas?

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...