Como moitos de vós xa saberedes, botou a andar o Portal das Palabras, un proxecto en liña da Real Academia Galega e da Fundación Barrié que busca difundir o noso léxico de forma dinámica e lúdica. O portal inclúe vídeos divulgativos, xogos, recursos didácticos e mesmo unha actualización do dicionario virtual da RAG (con sistemas de busca avanzada, sinónimos e versións para dispositivos móbiles).
Como xa comentei nalgunha ocasión, botábanse en falta na arañeira iniciativas que permitisen un achegamento lúdico á nosa lingua. Por sorte, este imaxinativo proxecto vén encher un chisco ese baleiro. Deseguido preséntovos os xogos en liña que ofrece o Portal das Palabras e a súa descrición:
Como xa comentei nalgunha ocasión, botábanse en falta na arañeira iniciativas que permitisen un achegamento lúdico á nosa lingua. Por sorte, este imaxinativo proxecto vén encher un chisco ese baleiro. Deseguido preséntovos os xogos en liña que ofrece o Portal das Palabras e a súa descrición:
Canto sabes?
Hai que escoller os sinónimos ou as palabras que se relacionan entre si. O nivel vén indicado polas barras da iconiña (inicial, unha; medio, dúas; superior, tres).
Dimo con letras
Despois de escoitar un termo hai que escribilo correctamente. É para comprobares a ortografía que sabes.
Apunta ben
Temos unha serie de imaxes ás que lles hai que poñer nome. Estes escóllense dunha listaxe de termos que presentamos.
A ver se dás...
Sobre un termo, hai que escoller a definición que mellor se achegue ao seu significado.
Verdadeiro ou falso
Preséntase unha frase na que se destaca un termo. Hai que dicir se a oración é verdadeira ou falsa. Podes escoller o nivel que che interese.
Opa!
Hai que lles dar a volta ás cartas e sinalar as que se relacionan entre si.
Só unha vale
Achégase unha definición e hai tres termos entre os que escoller un. É dicir, das tres palabras, só unha vale!
Parabéns á RAG e á Fundación Barrié por sacar adiante un proxecto tan valioso como necesario. Unha delicia para maiores e pequenos con gusto por xogar coa lingua e por aprender!
Ningún comentario:
Publicar un comentario