26 de xul. de 2013

O palíndromo que xurdiu do «dedodisco»


Que?! Abraiados con este singular «dedodisco»?! A lapela que se desprega e exerce de brazo. A agulla que se sitúa no suco. O micrófono que se acopla á cartolina. O usuario que controla a reprodución xirando o disco manualmente. E logo o son amplificado que revela as palabras máxicas: «Nós somos son», un fermoso palíndromo bivocálico («o» aberto: nós; «o» pechado: somos son) cheo de valor simbólico.

Esta foi unha das pezas que no pasado 2012 formou parte da exposición «O disco é NORMAL»: unha introdución á historia do soporte sonoro e á súa incidencia no mundo da arte e da sociedade do século XX. Unha proposta de NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña en continuo bulir de actividade.

E volvendo ao palíndromo, así explicaron a súa orixe os creadores do «dedodisco».
Ao principio íamos rexistrar un traballo de Escoitar.org sobre os sons industriais de Galicia en perigo de extinción. Con todo, xurdiu a brillante idea de facer un palíndromo cunha frase que se dá en galego, pero non noutras linguas: «Nós somos son». [...] Aínda que un palíndromo é igual de dereita á esquerda e de esquerda a dereita, o seu son é caprichoso e non sempre cumpre a regra. Porén, o máis interesante de todo é a analoxía entre a vibración física do instrumento e o sistema de fonación humano. Nun e noutro, o azar, a individualidade, enriquece o resultado final. Cada persoa pode buscar a súa propia velocidade e modificará o ritmo de reprodución xerando diferentes texturas, timbres e efectos, do mesmo xeito que os humanos nos expresamos cun diferente ritmo, acento e entoación, o que fai da linguaxe humana, se cadra, a expresión sonora máis rica de cantas se dan na natureza. Miles de acentos, de variantes, de peculiaridades locais e de características físicas: voces agudas, graves, doces, ásperas, febles, fortes, laiantes... «Nós somos son».

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...