Esa estraña fala do tipo hipermusculado, Drogo (para os que coñecedes Xogo de Tronos), é dothraki, o idioma dunha tribo de guerreiros nómades da serie de culto de HBO, que axiña estreará a súa cuarta tempada. Como ben saben os seus millóns de seguidores en todo o mundo, a serie baséase na saga literaria de fantasía épica A Song of Ice and Fire (Unha canción de xeo e lume) de George R. R. Martin.
O produtores intuían que a presenza dunha lingua de ficción (como sucedeu co klingon ou coas linguas élficas) contribuiría a lle dar maior credibilidade á serie. Por iso contactaron coa Language Creation Society, centro especializado no desenvolvemento de novos idiomas. Despois de analizaren diversas propostas dos seus conlangers (expertos que, por pasatempo, se dedican á creación de novas linguas), a iniciativa de David J. Peterson foi a seleccionada.
Peterson, de 34 anos e formado en Lingüística na Universidade de California, prestou atención á descrición que o propio George R. R. Martin fixera desa linguaxe imaxinaria. O lingüista tomou cousas de aquí e de acolá: inspirouse no hawaiano para achegarse á organización semántica propia dunha cultura preindustrial; gustoulle o árabe e o castelán para a base sonora pola forza dos seus sons guturais e uvulares; estableceu un sistema de casos (nominativo, acusativo, xenitivo...) semellante aos do latín ou do ruso. Ao cabo, entregoulles aos produtores un informe de 180 páxinas coa descrición gramatical, un audio para a fonética e un vocabulario con máis de 1800 palabras.

En fin... Hajas! (voz dothraki que significa ‘sé forte!’ e seica é o máis semellante ao noso «Adeus!»)
Solución ás voces de «galinglish» (22-10-13): lesgou ‘imos aló’ (< let’s go); quichimporta ‘mozo de cociña’ (< kitchen porter); guachimán ‘vixilante’ (< watchman); cagharrón ‘calabozo’ (< cage room)