14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...