Amosando publicacións coa etiqueta chinés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta chinés. Amosar todas as publicacións

4 de mar. de 2018

O incrible poema palindrómico de Su Hui


O retrato superior é de Su Hui, talentosa poeta chinesa do século IV coñecida polo nome de cortesia de Ruolan («como unha orquídea»). 

Grazas a Miro Villar e a Cibrán Arxibai souben desta muller e do seu incrible poema palindrómico coñecido como o Xuanji Tu. Trátase dun enxeñoso conxunto de 841 caracteres distribuídos nunha grella que pode ser lida en calquera dirección (cara a adiante e cara a atrás; en vertical, horizontal ou diagonal). Nesta xoia da combinatoria é posible ler, ao parecer, 2848 posibles poemas diferentes.

Su Hui, empregou fíos de seda de cinco cores e dividiu o poema nunha especie de áreas. Cada unha delas posúe un conxunto específico de regras que indican como debe ser lido o texto.


Para saberdes máis sobre este prodixioso poema (a historia de amor que leva asociada, algunha proposta de tradución...), recoméndovos este artigo de mujeresconciencia, escrito por Marta Macho Stadler profesora do Departamento de Matemáticas da UPV/EHU.


3 de out. de 2016

O chinés, un chisco máis fácil





O chinés é un bo exemplo de lingua analítica ou illante. Neste tipo de idiomas os elementos semánticos e gramaticais, a diferenza do que sucede no noso, permanecen separados e constitúen palabras distintas. Debido a isto, nas linguas illantes as palabras adoitan ser monosilábicas e non amosan ningún tipo de variación formal. 

Daquela, os que queiran aprender chinés non terán que complicarse con regras de flexión de xénero ou número, con variacións de tempo e modo verbais, con complexas declinacións... Iso si, estes principiantes xa poden ter en boa forma a súa memoria pois, para expresar todos os conceptos do chinés, terán que aprender uns 40.000 símbolos gráficos ou kanjis (como xa vimos noutras entradas).

Para resolver esta dificultade xurdiu o proxecto Chineasy, un sistema de ensinanza-aprendizaxe do chinés baseado na asignación de imaxes aos caracteres (como arriba) co que se fai así máis doado o seu recoñecemento. Unha idea que me recorda un divertido xogo de deseñar debuxos a partir de letras que vimos hai tempo.

No seguinte vídeo, a creadora Chineasy, ShaoLan Hsueh, preséntanos o seu método. Por certo, totalmente gratuíto, aínda que solicitan a colaboración do público vía crowdfounding para continuar o seu desenvolvemento.





30 de xuño de 2016

«Lettering», Coca-Cola e tradución



Abraiante, non si!? Seguíndolle a pista aos mestres do lettering, dei con este vídeo de Seb Lester que amosa a súa incrible habilidade para debuxar á man os logos dunha chea de empresas. Que pulso! Non canso de velo!

Por certo, o logo de Coca-Cola que deseña ao comezo tróuxome á memoria unha acécdota (unha máis) que nos fala das «dificultades» da tradución.

Sabido é que conquistar o mercado chinés é un obxectivo prioritario para calquera grande empresa. Disque cando a multinacional Coca-Cola intentou entrar na China buscou traducir o seu nome a un enunciado que para o oído chinés soase similar.

O primeiro nome foi kekoukela 嗑口蝌蠟. Grande erro: coa campaña publicitaria xa en marcha, caeron na conta de que os chineses, dependendo da súa variedade dialectal, interpretaban ‘morde o cágado de cera’ ou ‘egua rechea de cera’. Cousas da perigosa homofonía chinesa!

Coca-Cola dedicouse entón á titánica tarefa de buscar, entre os 40.000 caracteres do chinés, unha combinación que se aproximase foneticamente ao nome orixinal sen xerar traducións tan estrañas. Finalmente deron con kěkǒukělè 可口可乐. A primera sílaba 可 () significa ‘aprobar ou permitir’. A segunda 口 (kǒu) quere dicir ‘boca’. Xuntas, 可口 (kě kǒu) significan ‘delicioso, saboroso’. E a derradeira sílaba 乐 () expresa ‘felicidade’ ou ‘alegría’.

Así xurdiu, ao cabo, o nome da Coca-Cola chinesa, que combinaba á perfección similitude fonética e lema publicitario: ‘deliciosa felicidade’ ou ‘felicidade na boca’.

 

16 de mar. de 2015

Prohibidos os xogos de palabras

Débese facer un bo uso da linguaxe de forma estandarizada. Non se poden cambiar os significados dos refráns populares para fins comerciais, nin se poden usar palabras que proveñan de Internet ou que sexan adoptadas de linguas estranxeiras, nin tampouco se poden facer xogos de palabras. 
Así de rotundo atallou o goberno chinés o perigoso caos producido polos xogos de palabras nos medios de comunicación. Segundo el, estes enredos só serven para producir desinformación e confusión, especialmente entre os máis novos.

O primeiro albo desta férrea directriz foi a campaña de promoción da provincia de Shanxi (onde se atopan os milenarios guerreiros de terracota), cuxas autoridades tomaran un vello refrán, 尽善尽美 Jin shan jin mei (‘Todo moi bo, todo moi bonito’), e trocaran o carácter 尽, que significa ‘todo’, por 晋, que representa o diminutivo da rexión. E como os dous se pronuncian jin, quedara: ‘Shanxi é moi boa, Shanxi é moi bonita’.


Deste xeito, en defensa da saúde mental do seus cidadáns, o goberno chinés prohibiu os xogos de palabras, tanto orais como escritos, en libros, prensa, radio, cine, televisión...

Menos mal que algunhas normas teñen a mesma consistencia que as liñas trazadas sobre a superficie da auga. Como ben sabemos aquí, os xogos verbais e a cultura tradicional aliméntanse mutuamente desde o comezo dos tempos. E máis nunha lingua como a chinesa, con abundancia de vocábulos homófonos que só poden ser interpretados polo contexto e que, daquela, xeran constantes dobres sentidos e xogos de palabras. 

E se non, que llo pregunten ao bo de Zhao Yuanren. Pobriño del hoxe en día!

17 de xuño de 2014

Viva a diversidade!



Os meus alumnos de 1º de Bacharelato do Fogar de Santa Margarida animáronse a realizar un traballo sobre a diversidade lingüística partindo da realidade do propio centro. Eu faleilles de Lips of Babel, ese anuncio publicitario cos beizos das modelos en primeirísimo plano a pronunciar trabalinguas de todo o mundo. E puxéronse mans á obra, materia prima tiñan abondo: chinés, árabe, alemán, xaponés, francés, portugués, inglés, caboverdiano, guaraní...

O resultado dese esforzo é este vídeo estreado xa no noso blog de Lingua: A chave e o mundo. Un alegato a prol do ecolingüismo e do respecto pola diversidade.

Aquí quedan algúns destes trabalinguas internacionais coa súa tradución:
Piriri parãrã kavara opopo ojupi oguejy ikupy oipiro. Charamuscas, ruído de lata: a cabra salta, sobe, baixa, pela a pata. (guaraní)
Un chasseur sachant chasser doit savoir chasser sans son chien. Un bo cazador debe saber cazar sen o seu can. (francés)
Fischers Fritze fischt frische Fische. Frische Fische fischt Fischers Fritze. O pescador Fritz pesca peixe fresco. O peixe fresco é pescado polo pescador Fritze. (alemán)
I scream, you scream, we all scream for ice cream! Eu berro, ti berras, todos berramos por xeado! (inglés)
Basu gasu bakuhatsu. Explosión de gas nun autobús. (xaponés)
Como ben din nos créditos finais, parabéns ás familias por preservar ese prezado tesouro que é a diversidade lingüística!

19 de set. de 2013

«O poeta comeleóns na cova de pedra»



O que acabamos de escoitar é o poema chinés «O poeta comeleóns na cova de pedra», de Zhao Yuanren, que contén 92 palabras/conceptos que comparten o son «shi», mais pronunciadas con catro tonalidades diferentes (shì shí shī shǐ). Un texto realmente insólito cuxa orixe ben merece unha explicación.

A lingua chinesa é moi homofónica, é dicir, moitas das súas palabras pronúncianse do mesmo xeito. Isto non supón un gran problema na escrita porque as grafías do chinés clásico son de tipo ideográfico e non alfabético.

Durante as primeiras décadas do século XX, entre os lingüistas chineses abriuse un profundo debate sobre a necesidade de converter o chinés escrito nun sistema alfabético, é dicir, sobre a adopción dun alfabeto romanizado. Abroiou entón o problema da homofonía. E aí apareceu Zhao Yuanren, eminente lingüista estadounidense de orixe chinesa, e a súa peza «O poeta comeleóns na cova de pedra». Con ela pretendía evidenciar a imposibilidade desa romanización. Este é o poema coa escrita tradicional, que pode ser lido por calquera coñecedor do chinés tradicional.


E este é o texto romanizado, un trabalinguas de lectura practicamente imposible (á homofonía engádeselle a homografía).
«Shī Shì shí shī shǐ»
Shíshì shīshì Shī Shì, shì shī, shì shí shí shī.
Shì shíshí shì shì shì shī.
Shí shí, shì shí shī shì shì.
Shì shí, shì Shī Shì shì shì.
Shì shì shì shí shī, shì shǐ shì, shǐ shì shí shī shìshì.
Shì shí shì shí shī shī, shì shíshì.
Shíshì shī, Shì shǐ shì shì shíshì.
Shíshì shì, Shì shǐ shì shí shì shí shī.
Shí shí, shǐ shí shì shí shī, shí shí shí shī shī.
Shì shì shì shì.
Unha brincadeira que ademais ten un fondo valor metafórico ao coñecermos o contido do texto. Esta sería a súa tradución aproximada.
Un poeta de nome Shi Shi, que vivía nunha cova de pedra, devecía por comer leóns e dicidiu xantar dez. Cada mañá ás dez adoitaba saír cara ao mercado para buscar os leóns. Chegou o momento en que, de súpeto, dez leóns chegaron ao mercado á vez que Shi Shi. Ao velos, Shi Shi matounos lanzándolles frechas. Colleu os corpos destes dez leóns e levounos á cova de pedra. A gorida estaba húmida e Shi Shi pediulles aos seus serventes que a limpasen. Cando a cova quedou limpa, comezou a comer os dez leóns. Cando terminou, decatouse de que os dez leóns eran en realidade os cadáveres de dez leóns de pedra e intentou explicarse isto.
O inesgotable pozo de sabedoría da Wikipedia conta que Zhao Yuanren utilizou os leóns de pedra como símbolo da tradición fronte á romanización do chinés clásico. Estes impídenlle ao poeta «devorar a linguaxe», que ao ser romanizada perde sentido. Ademais, os dez leóns están representados polas dez liñas do poema.

Que endiañado enxeño ludolingüista o deste Zhao Yuanren!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...