24 de dec. de 2017

Fáltanme letras!


Ás veces, as discusións absurdas poden acabar da forma máis insospeitada. Iso foi o que pasou hai agora dez anos cando dous amigos conversaban sobre a posibilidade de que dentro dun paquete de sopa de letras estivesen todas e cada unha das vogais e das consoantes do abecedario, castelán neste caso. 

Non chegaron a un acordo e mesmo cruzaron unha aposta. Mentres o primeiro deles sostiña que grafías como o «A», o «D» ou o «B» non aparecerían porque eran difíciles de facer, o segundo, Abel, un informático barcelonés que daquela tiña 29 anos, afirmaba que si contiñan o alfabeto completo.

Abel decidiu comprobalo empiricamente. Nun supermecado comprou un paquete de sopa de letras de Pastas Gallo. Xa na súa casa, tomou do paquete unha moreíña de letras e comezou a separar unha por unha en orde alfabética: primero o «A», logo o «B», deseguido o «C»... e así avanzou convencido de atopalas todas. Cando rematou co «Z», decatouse de que dúas letras non apareceran: o «U» e o «W». Recoiro! A buscalas con máis ollo! A pescuda continuou e nada, por moito que buscou, o «U» e o «W» non estaban. Aparentemente o seu amigo gañara a aposta, aínda que errase coas letras ausentes. 

Con todo, Abel, disposto a resolver a incógnita máis alá de toda dúbida, decidiu enviar unha carta ao fabricante das letras para sopa expoñéndolle dous interrogantes: Era casual a falta desas letras no seu paquete ou faltaban en todos? E de ser isto último, por que as ausentes eran xusto esas dúas letras?

Enviou esta carta tamén a diferentes medios de comunicación e mesmo abriu un blog para dar conta do día a día da cuestión. O misterio do alfabeto incompleto tornouse viral: xornais, revistas, programas de radio e de televisión trataban o tema.

Uns días máis tarde, a Directora de Comunicación de Gallo respondíalle a Abel cunha carta chea de retranca. Nela confirmaba que as limitacións técnicas dos moldes eran a causa da ausencia desas dúas letras:
Prezado consumidor,
Aínda que hai unha xustificación técnica para non fabricar o «U» e o «W» (e é que son dúas letras sen puntos de apoio suficientes para asegurar que non se deformen durante a produción), podemos convidalo a visitar as nosas instalacións e comprobar, no lugar, como se fai a pasta e que non agochamos esas letras por ningures.
Lamentamos profundamente que as Úrsulas, Eustaquios, Wenceslaos, Eusebios... teñan dificultades para escribir o seu nome e que vostede perdese a aposta; con todo, suxírolle que todos usen o «M» ao revés como «W». Co «U» só se me ocorre xirar o «C», aínda que a verdade non terá moi boa pinta...
S.E.
Directora de comunicación
Non pode vostede imaxinar a tentación de escribir o parágrafo anterior sen ningún «U».
Pois si, a oportunidade perfecta para un gran texto lipogramático, abofé! Unha trangalleira esta directora de comunicación. 

Mais a cousa non quedou aí. En Gallo puxeron o mestre de moldes a traballar e, en menos de 3 meses!, non só actualizaron o seu alfabeto incluíndo nas súas sopas o «U» e o «W», senón tamén o «Ñ», o «@» e o «Ç», para goce de portugueses e cataláns. E, con seguridade, para asombro do ocioso informático! Ha, ha!



Como o propio Abel recorda no peche do seu blog: «Grazas á miña campaña, agora podemos felicitar en varios idiomas estas festas». Bo Nadal a tod@s! E os mellores desexos para o 2018!

21 de dec. de 2017

Agasallo de Nadal


Remata o 2017 e como agasallo ludolingüístico ocorréuseme facer unha pequena escolma dos xeróglifos que este ano publiquei en La Voz de Galicia. Aquí volos deixo. Para os que non esteades moi afeitos a resolvelos, lembrade que podedes achegarvos á arte do xeróglifo consultando o noso curso acelerado de «Gramática xeroglífica»

Xa sabedes, a poñer os miolos a traballar un chisco. Adiante! 

1. Por que non cres que ela sexa de Girona?

2. Que adoita facer Uxía na praia?

3. Resultaches ferido?

4. Irás agora a Compostela?

5. Quen ten que entregar eses paquetes?

6. Onde será o voso próximo concerto?

7. Ponse nervioso Miguel cando chegan os exames?

8. Que dixo Noa sobre o seu suposto divorcio?

9. Quen visitará hoxe este museo?

10. De que vos disfrazaredes este Entroido?

16 de dec. de 2017

Karaoke para o repertorio tabernario


Chegan días de ceas e festexos. Reunións que case sempre rematan co persoal a cantar, con maior ou menor influencia do alcohol, o repertorio da nosa mellor tradición popular: «O rodaballo», «Teño un amor en Rianxo», «A Carolina», «Apaga o candil», «O andar miudiño», «O sancristán de Coímbra», «A Rianxeira», «Catro vellos mariñeiros» e tantas outras. 

Luís Torres Vázquez, no seu Repertorio tabernario, sostén, con fundamento, que estas cancións son unha valiosa mostra de «tradición, alegría, riqueza cultural, proxección da nosa lingua, identidade e cohesión social». Aquí vos queda o PDF, ideal para ter recollidos todos estes textos.

E aproveitando o xenial invento de Daisuke Inoue, deseguido deixo tamén unhas cantas pezas en karaoke da canle de Youtube Galicia Pro. A ferramenta perfecta para poñernos a cantar sen medo a esquecer a letra. Adiante!








12 de dec. de 2017

O alfabeto cinematográfico de Doaly




O ilustrador e deseñador británico que atende ao pseudónimo de Doaly é o autor deste alfabeto chamado «Project 26 vol. 1». Propúxose facelo nun só día. O obxectivo: escoller 26 filmes icónicos americanos para deseñar unha ilustración representativa coa súa letra inicial, en orde alfabética.

Desde o «A» de American Beauty, ao «Z» do Zorro; pasando polo «G» de The Godfather, polo «K» de King Kong ou polo «Y» de Young Frankenstein

Finalmente levoulle só 12 horas. Unha idea sinxela cun resultado brillante. Seguro que dá para un «Project 26 vol. 2».

Por certo, se vos presta pasar un anaco entretido cun xogo que tamén combina tipografía e cine, lembrade «The Empire Poster Quiz». Todo un reto para cinéfilos! 

8 de dec. de 2017

«Velocidade máxima»



Un novo vídeo de Fabio Brazza para quedarmos pampos!

Sabido é o espírito competitivo dos rapeiros, que, como os repentistas portugueses e brasileiros ou como os regueifeiros galegos, sempre andan na lideira de superar en habilidade o adversario musical. 

Entre esas destrezas postas a proba está, tamén, a rapidez. Disque o estadounidense Eminem era o rapeiro máis rápido xa que no seu tema «Rap God» rexistra unha media de 4,31 palabras pronunciadas por segundo, chegando en certas partes da canción a cantar 97 en 15 segundos. Ao parecer, o rapeiro británico Ocean Wisdom xa superou esta marca cun promedio de 4,45 palabras por segundo no seu tema «Walkin»

Nun idioma de verbas curtas coma o inglés, é doado soltar unha manchea de palabras nun instantiño. O realmente meritorio, abofé, é crear esa marabilla do rap acelerado do amigo Brazza con enunciados próximos ao trabalinguas («o ornitorrinco foi no otorrinolaringologista») e con prodixios do sesquipedalismo (proparoxítonaparalelepípedo, anticonstitucionalissimamente, paraclorobenzilpirrolidinonetilbenzimidazol, pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiótico).
Velocidade máxima
Na rima sou perito tenho gabarito no
Quesito tenor ou barítono
No rap eu exercito o flow sou especialista
Brinco «o ornitorrinco foi no otorrinolaringologista»
Não me perca de vista que eu corro mais do que o Bolt
No sprint de mais de 220 mil volts
Dispara o velocímetro não para o ímpeto
Eu rimo o que quiser até com paralelepípedo
É o Fabio Brazza e o Italo na rima supersônica
Minha fala faz escola na escala pentatônica
Oxítona paroxítona proparoxítona continua
E acentua a sílaba tônica
Sai da frente é quente
Ninguém colocou numa rima antes
Anticonstitucionalissimamente
Moleque neurótico
Bota no flow
Pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiótico
Sabe o que é isso? eu explico pra vocês
É a maior palavra do dicionário português
Um vocabulário exótico vulcanocaniotico
É o hip hop num efeito hiphopnótico
Consulte a lábia
Que a mente é cult e rápida
e o que eu falei agora foi uma multissílabica
Ainda não entendeu? aperta a tecla sap
Que mensagem não falha e espalha mais
Que vídeo paia no whatsapp
É o zap e não tem quem me desbanque
Minha válvula de escape e eu atropelo feito tanque
Com funk, samba roda
Até o tupac levantou do tumulo e falou
«esse moleque é foda»
Do rap em prol como big small
E se imitar minha levada se enrosca feito anzol
Assassino lírico na mira da interpol
Nada em grau etílico nem beque ou etanol
Você toca em dó ré mi fa sol
E fica perdido que eu coloco sustenido com bemol
Nunca tive semancol
Meu remédio é paraclorobenzilpirrolidinonetilbenzimidazol
Sábado bêbado bebo no bar em dubai
No balacobaco do baco do vem e vai
Eu falo no embalo que distrai
E ando tão avançado
Que minha mãe ainda nem conheceu meu pai
E a conclusão é que essa é uma questão estética
Da dialética poética na força da fonética
Em cima da base feito um camicase
Passando de fase num verso que case
em cada frase frenética
Da métrica simétrica de meta aritmética
Da levada pesada um tanto peculiar
Tipo um avião de caca estilhaça a vidraça arregaça
E quando passa não é pego no radar
E nada de trucos! Non hai manipulación do audio! Comprobádeo no seguinte vídeo, con Fábio e co beatboxer Ítalo a cantar ao vivo «Velocidade máxima» na televisión brasileira. O propio autor comenta como xurdiu a idea da canción. Como el di: «Não me perca de vista que eu corro mais do que o Bolt».

4 de dec. de 2017

O enigma de Zadig

O impacto da tradución d’As mil e unha noites ao francés no inicio do século XVIII foi tal que desencadeou unha onda de historias de inspiración oriental. Unha delas é o relato que vén deseguido, presentado en forma de enigma case filosófico. É un fragmento da novela Zadig ou O Destino (1747), de Voltaire

Zadig é un bo mozo: intelixente, educado, bondadoso... Ao poñer en práctica todas estas calidades positivas, cre que lle resultará doado atopar a felicidade. Ese inocente propósito faille pasar unha chea de penalidades: é convertido en escravo, condenado á decapitación, case morre estrangulado... 

As aventuras e desventuras de Zadig levano ante o gran Mago de Babilonia o día en que este vai propoñer enigmas aos máis valorosos cabaleiros da cidade.

A ver que vos parece o seguinte. Daredes coa solución?

O enigma de Zadig
O gran Mago propuxo primeiro o seguinte enigma:
— Cal é, de todas as cousas do mundo, a máis longa e a máis curta, a máis rápida e a máis lenta, a máis divisible e a máis extensa, a máis descoidada e a máis irreparablemente lamentada, sen a cal nada se pode facer, que devora todo o que é pequeno e que vivifica todo o que é grande?
Tocáballe falar a Itobad. Contestou que un home coma el non entendía nada de adiviñas e que lle bastaba con ter vencido a golpe de lanza. Uns dixeron que a solución do enigma era a fortuna, outros que a terra, outros que a luz. Só Zadig deu coa resposta correcta. 
Cal é?

Solución ao enigma «O inapetente David» (21-10-17): 

David decidiu volver á súa casa tal como lle pedía a mensaxe en inglés «COME HOME». Convén fuxir da suposición precipitada de que David é galego. A súa tristura: amorosa. O que lle servían a diario no restaurante: «fish and chips».
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...