26 de xul. de 2017

A lenga-lenga do Xanduca



Un chisco de cante e baile como despedida, ata setembro. Unha peza ben alegre, composta polo «brasilego» Sérgio Tannus, que se suma ao noso karaoke: «A lenga-lenga do Xanduca». Aparecía naquel marabilloso libro-CD de Maria Fumaça do 2012.

O dicionario Infopédia define unha lenga-lenga como un «texto transmitido de geração em geração, constituído por palavras que geralmente rimam e com muitas repetições, conferindo-lhe um carácter musical que facilita a rápida memorização». Unha voz procedente do quimbundo kulenga («correr»).

Polo que puiden descubrir, a parte que se asemella a un trabalinguas é unha lenga-lenga tradicional que cantan os nenos de Cabo Verde e do Brasil.
Tum-tum,
piscatunga tá,
piscatunga laribê,
piscatungatinga,
Oê beri beri beri bê,
piscatunga laribê,
piscatunga tá.
A gozar do verán! 

22 de xul. de 2017

Letras e logos



A Juventus de Turín acaba de presentar o seu novo escudo. Un logo moderno, simple e xeitoso. Un gran cambio, non exento de risco, pois sempre hai quen considera intocables este tipo de símbolos.



Para os que devecemos por enredar coas letras, a transformación pagou a pena. A letra «J», inicial de Juventus, coas clásicas barras brancas e negras do uniforme. E sobre esa base, o deseño deixa intuír unha camiseta estendida e, á vez, a silueta dun escudo, á esquerda. Brillante!

Persoalmente, os meus logotipos preferidos son os que prescinden de elementos superfluos para se centrar nas posibilidades expresivas das letras da marca comercial que publicitan. Asimilar tipografía e simboloxía ata conseguir, de forma sinxela, transimitir unha mensaxe. Aí está o segredo.

Deseguido, algúns exemplos baseados na mesma idea. Fabulosos!


Goodwill. Deseñado por Joseph Selame.
«g» inicial revela unha cara sorrinte. Boa vontade! Magnífica idea!

Eight. Deseñado por Stylo Design.
Diferentes cortes do número 8 dan para compoñer todas as letras da marca.

Flightning. Deseñado por Joan Pons Moll.
Un xiro á letra «f» e xa vemos o avión descolando. Case se oe o ruído dos motores!

Ed´s Electric. Deseñado poSiah Design.
Enchufe femia, enchufe macho, espazo negativo e... maxia! A letra «E»!

Highroad. Deseñado por Muamer Adilovic.
Un «H» tan feitiño que semella unha estrada pola que conduces. Permitido adiantar!

Antarctica. Deseñado por Alberto William.
Que foi antes, o pequeno e tenro pingüín? Ou o «a» minúsculo?

Play. Deseñado poRadomir Tinkov.
Repara un chisco nos corazóns e nas súas posicións. Descubres as letras? Extraordinario!

18 de xul. de 2017

O Ximnasio dos Verbos


«Andei» ou «andiven», «produxo» ou «produciu», «subes» ou «sobes», dúbidas deste tipo podes resolver coa nova app O Ximnasio dos Verbos, un proxecto desenvolto polos profesores Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González dentro das aulas de Lingua e Cultura Galegas do Galicien Zentrum da Universidade de Heidelberg.

Froito das súas actividades docentes en Alemaña, xurdiu esta aplicación, que che ofrece converterte nun Jedi do verbo galego. Centrada no estudo da alternancia vocálica e dos verbos irregulares, esta ferramenta vén organizada en catro fases («procurar», «trucos», «adestramento» e «xogos»), cada unha delas cun cometido de seu, a xeito de camiño formativo desde a teoría ata a práctica. A app mesmo permite escoitar como soan as palabras de meirande complexidade. 



Como é sabido, para aprender un idioma, nada mellor que poñerse a falalo. Alixeirar a presión da corrección gramatical e equivocarse sen medo. Con todo, para perfeccionar o uso pouco a pouco sempre vai ben unha boa dose de estudo. E ferramentas como esta sempre son moi útiles. 

De estardes interesados, podedes descargar O Ximnasio dos Verbos de balde da Play Store premendo nesta ligazón

13 de xul. de 2017

Engurras que fan letras




Realmente creativa esta tipografía feita a man, nunca mellor dito. O deseñador gráfico brasileiro Lucas Neumann de Antonio desenvolveu este curioso proxecto, chamado Handwritten Type, co que recrea todas as grafías do alfabeto a través das mans.


Dedos que se entrelazan, mans que se contorsionan... Co plano de detalle axeitado, en cada furadiño, en cada engurra, pode aparecer unha letra.

De novo as mans como materia prima para expresalo todo mediante palabras. Sempre inesgotable a imaxinación dos deseñadores gráficos!

9 de xul. de 2017

As xoias da Castafiore

Tocaba xa un novo enigma. Desta vez, un enredo que ben podería formar parte dunha das aventuras de Tintín. Non é difícil, basta con facermos unha boa lectura comprensiva para despois reflexionarmos, sen apuro, sobre os datos que se dan.


As xoias da Castafiore
Ao castelo de Moulinsarts chega a diva Bianca Castafiore. Os seus anfitrións son Tintín e o Capitán Archibald Haddock. A Calandra de Milán instálase na «cámara do rei» con toda a súa equipaxe. 
Entre seus bens máis prezados, as catro caixas que conteñen as súas xoias. A metódica Castafiore garda sempre en cada caixa a mesma cantidade de alfaias. As caixas teñen ademais, en cadansúa tapa, unha inscrición feita con lapislázuli e madreperla. As inscricións din: «Dúas ou tres», «Unha ou catro», «Tres ou unha» e «Unha ou dúas».
Só un dos enunciados é verdadeiro, é dicir, indica fielmente a cantidade de xoias da súa caixa. Os outros tres son falsos.
Tintín soubo adiviñar cantas xoias hai en cada caixa. 
Sábelo ti?

Solución ao «O crebacabezas de Einstein» (9-4-2017): Británico. Casa vermella. Paxaros. Leite. Pall Mall. Casa 3 / Sueco. Casa branca. Can. Cervexa. Blue Masters. Casa 5 / Danés. Casa azul. Cabalo. Té. Blend. Casa 2 / NorueguésCasa amarela. Gato. Auga. Dunhill. Casa 1 / Alemán. Casa verde. Peixe. Café. Prince. Casa 4.

5 de xul. de 2017

Máis palabras que cobran vida



Un vídeo realmente cativador, deses que tanto nos gustan aquí en Xogosdelingua. O seu autor, o director e ilustrador neoiorquino Greg Condon, titulouno Disillusionment of 10 Point Font. Un exercicio de creatividade tipográfica feito a partir dunha máquina de escribir Smith Corona Galaxie Deluxe e da técnica do stop motion

Sink (‘depresión’), lazy (‘preguiceiro’), pin (‘alfinete’), orbit (órbita), happy (‘ledo, feliz’), miss (‘erro’)... Palabras que cobran vida convertidas en fantásticas metáforas visuais, como sucedía naquel tamén xenial Word as Image de Ji Lee. E o son, de One Thousand Birds, que lles dá aínda máis forza. Non perdades detalle!




Visto en Unapalabra.

1 de xul. de 2017

O «ABCdário» de Fábio Brazza



De novo connosco o poeta e rapeiro Fábio Brazza. Lembrade que o vimos hai pouco cunha abraiante peza musical a base de palíndromos? Pois hoxe marabilládevos cunha nova creación ludolingüística do xenio de São Paulo: «ABCdário». 

Nesta canción, Brazza fai unha vibrante análise crítica da sociedade brasileira e mundial dos nosos días, coa particularidade de que as palabras dos versos comezan todas pola mesma letra, percorrendo todo o abecedario, do A ao Z. É dicir, unha monumental obra que combina dous xogos de palabras: o tautograma e o abecegrama!

Así o explica o propio Brazza:
O desafio era fazer uma música primeiro só usando palavras que começam com a letra A, depois B, depois C, até o Z e volto no A de novo. Além disso, não podia apenas deixar um monte de palavras soltas, então transformei tudo em uma história com rima.
Xulgade vós mesmos:
Ameaças, atentados, aeroportos alerta
Arabes assaltam Aviões atingem a América
Armas apontadas a Al-Qaeda, Ala, Alcorão
Americanos assustados atacam Afeganistão
(Ação)! Bagdá bombardeado, barbaridades
Bush bravo, briga boba, batalhas, brutalidades
Brasil? Bagunçado, batido
Baixaria, Bunda, bola, botox, Brasilia, bandidos, (Basta)!
Banalidades, cadeias cheias crueldades, criminosos cometem chacinas comandam cidades, comunidades contra condomínios, contrastes, conflitos com cor, crenças, classes
Caravelas, capitanias, Cristóvão Colombo Cabral, chicote, cativeiro, comercio canavial, coincidência cara curiosamente, continuamos colônia, controlados culturalmente [...]
Aquí podes gozar da letra completa. Un prodixio de técnica e de creatividade cheo de mensaxe. Poesía social e ludolingüística! Muito bom!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...