Por Xogosdelingua, de novo, este entretido enredo que pon a proba a nosa agudeza visual e o noso coñecemento do léxico inglés. Vía puzzles-world podedes atopar máis na rede.
Ilustracións ben coloridas que amosan diferentes escenas cheíñas de persoas e de obxectos. Entre eses elementos, camufladas, hai seis palabras relacionadas co contido da imaxe. Un campo semántico concreto en cada ilustración.
Anímaste a xogar? Atención e paciencia! A mellorar o teu vocabulario en inglés sobre o fútbol, a piscina, o baloncesto, a pintura, o estudo...
Estreamos o 2018 co Dobble, o último un xogo de mesa que caeu nas miñas mans. Botamos na casa un par de partidas e xa quedamos enganchados. Un xogo simple, dinámico e realmente divertido!
55 cartas redondas, con 8 imaxes en cada unha e, por incrible que pareza, só unha imaxe común entre calquera par de cartas! Aínda que a min se me escapa por completo, a fórmula matemática que o explica podedes vela aquí.
O quid do xogo é ser o primeiro ou primeira en recoñecer esa figura común. A partir dese mecanismo básico, as instrucións propoñen cinco modalidades (ou minixogos) diferentes: «A torre infernal», «O foxo», «A pataca quente», «A por todas» e «O regalo envelenado». Aquí vos deixo un vídeo en portugués que explica cada modalidade na súa versión do xogo.
Cada vez que se descubre esa figura repetida en dúas cartas, hai que nomeala en voz alta. O xogo convértese así nun bo recurso para practicar oralmente vocabulario, e en especial a corrección de castelanismos, pois a maioría dos 58 elementos que entran en xogo teñen nomes diferentes ao castelán: tartaruga, folla, golfiño, reloxo, candea, xeo, caveira, áncora, tesoiras, can, chave, lóstrego, lentes, trevo, paxaro, lapis, queixo, mazá, chamas, dinosauro, lume, árbore, lúa, cadeado...
Se queredes ampliar o abano de vocabulario, podedes acudir a algunhas variantes do xogo que se atopan na rede.
Quen busque un bo agasallo para xogar en familia (ou mesmo nas aulas), Dobble é unha boa opción. Perfecto para unha diversión trepidante poñendo a proba a agudeza visual, a capacidade de concentración, a rapidez de reflexos e... o vocabulario. Mesmo con versión simplificada para máis pequenos.
Como andas de inglés? E de agudeza visual? Hoxe, un sinxelo xogo co que poñer a proba estas dúas destrezas. Es quen de atopar seis palabras agochadas en cada unha destas ilustracións? Unha pista, as voces teñen relación coa escena que se presenta.
Un pasatempo certamente entretido que está de moda na arañeira e que ten algo de «buscando a Wally» e de sopa de letras. Se es dos que gozan con este tipo de xogos, adiante! Ponte a proba!
Mágoa non dispor doutros semellantes en galego. Algún ilustrador ou ilustradora dispoñible por aí?
Recoñeces George W. Bush, Osama bin Laden, Sadam Hussein, Fidel Castro ou Lula da Silva? De novo os endiañados deseñadores publicitarios a xogar coas letras; e, desta vez, para facer retratos. Hai xa uns anos a revista Veja, unha das de maior tiraxe do Brasil, lanzou esta fascinante campaña. O seu creador foi Roberto Fernández, que daquela traballaba para a axencia brasileira AlmapBBDO.
Usando a técnica dos pinacogramas, o anuncio é, sen máis, palabras en negro sobre fondo amarelo. Iso si, deseñadas de xeito que reproducen o rostro de persoeiros internacionais. O aquel das pezas reside tanto na antítese entre os termos (guerra - paz; ameaza - pretexto; morto - vivo; esquerda - direita), como en saber que domina a que: a palabra imponse á imaxe?, ou é ao revés?
Unha campaña multipremiada internacionalmente aló polo 2003 e 2004 que podemos atopar tamén en inglés.
Mensaxes sinxelas e directas relacionadas co contexto histórico daqueles anos e que se fan aínda máis efectivas acompañadas co lema da campaña: Quen le Veja entende os dois lados. Isto é, con Veja sempre podes observar a realidade desde diferentes puntos de vista.
E o deseñador brasileiro fixo tamén unha versión da campaña sen faces, só con palabras inseridas dentro dos seus antónimos. Un verdadeiro xenio este Roberto Fernández. Es quen de ver os dous lados?
Un monograma é un símbolo formado xeralmente por letras entrelazadas. Cóntase que os primeiros xurdiron na antigüidade clásica, cando a xente analfabeta recorría a eles para facer a rúbrica só coas letras iniciais do seu nome. O uso máis tradicional dos monogramas foi identificar o enxoval das vodas: bauis, roupa da cama ou panos da man adoitaban levar os correspondentes monogramas familiares. Algunhas marcas de canteiros son, de feito, verdadeiros monogramas. Por non falar dos logotipos actuais de moitas empresas.
O máximo expoñente deste enredo gráfico é o monograma alfabético, é dicir, o deseño que combina nas súas liñas entrecruzadas todas as letras do alfabeto. O exemplo clásico que amosamos deseguido (visto en obreveverbo) contén todas as letras do alfabeto inglés e os números de 0 a 9. Non perdades de vista as liñas vermellas. É case un xogo de agudeza visual!
Claro que hai quen leva ao extremo a admiración por estes «alfabetos compactos»!
Solución ás transcrición dos poemas caligráficos de U. Novoneyra (29-1-2015): «Din os sonos e os paxaros: A morte non é certo!», «Eu son esta cor de soidá».
De termos ollada de ludolingüista, descubrir letras por aquí e acolá pode chegar a ser unha afección case enfermiza: un «E» nas teclas dun piano, un «V» no colo dunha camiseta... Mais, como xa vimos aló atrás, este enredo ten a súa utilidade económica.
Dúas marcas comerciais americanas (unha cadea de tendas e unha empresa de leite infantil) decidiron aproveitar esta idea para os seus anuncios. Neles van agromando, en elementos cotiáns e ordenadamente, as 26 letras do alfabeto inglés, acompañadas de melodías ben apegadizas.
Unha serie gráfica, a do alfabeto, con miles de anos de historia, factor chave no devir da nosa civilización e que contribúe a ilustrar conceptos cheos de forza: unidade, diversidade, principio e fin...
Maurits C. Escher, que eu saiba, non se dedicou nunca ao deseño de fontes tipográficas. Imaxino que hoxe estaría encantando con creacións como a que encabeza a entrada. Un enredo curspidiño aos seus paradoxos visuais: por moi perfecto que pareza ese elemento, o noso cerebro recoñece que é fisicamente imposible.
Deseñadores gráficos de todo o mundo xogan a crear letras que encerran candansúa ilusión óptica, unha xeometría tridimensional imposible. De aí o seu nome: «tipografías imposibles». Alfabetos de poder case hipnótico froito de imaxinacións endiañadas.
Lembrades aquela chamativa intervención artística de Boa Mistura nos arrabaldes máis humildes da cidade de São Paulo? Desta volta traemos, como vedes na imaxes superiores, outra peza de arte urbana non menos espectacular: a colorista rehabilitación do emblemático Mercado da Cebada de Madrid.
Hai só uns meses, baixo o lema «Llena la vida de color», este colectivo artístico madrileño encheu de cores vivas as características cúpulas do mercado creando un mural de 6000 m2. Medidas que converteron este espazo nunha maiores obras de arte urbana do mundo.
E de novo, como sucedera no Brasil, volven a xogar coa anamorfose para situar sobre estas cúpulas a palabra COLOR. Lembrade que esta técnica fai que para o espectador só sexa posible observar o elemento deseñado, de forma proporcionada e clara, desde un determinado punto. Espectacular!
E como vemos nestoutras imaxes, traballiño custou.