Amosando publicacións coa etiqueta autobombo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta autobombo. Amosar todas as publicacións

14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


25 de mar. de 2018

Pasagalego para os 21DEG2018



Imos quentando motores! Á volta da Semana Santa, no Fogar de Santa Margarida da Coruña retomamos a aventura dos 21 DÍAS EN GALEGO, esa fantástica experiencia que naceu hai uns anos da man da rapazada da Pobra do Caramiñal. 

Este ano esperamos poder compartir parte das actividades cos alumnos e alumnas do IES desta vila da Ría de Arousa e tamén cos do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Para eles, e para todos os que queiran, vai este «Pasagalego». 

Aceptade o reto e dedicade uns minutos a poñer a proba o voso vocabulario. Cantas acertades?

16 de feb. de 2018

Sexto aniversario!


E xa van seis! Quen o ía dicir?! Uf!
Mais... Aquí seguimos, de momento.
Para celebralo, porque me peta, porque me presta, unha de Ataque Escampe, de aló polo 2012.

2 de xuño de 2017

21 Días En Galego


Pilar Ponte e a xente do IES da Pobra do Caramiñal botaron a andar aló polo 2013 unha experiencia normalizadora moi atraente: «21 DÍAS CO GALEGO». Unha iniciativa deseñada para reflexionar sobre a propia relación coa lingua e, sobre todo, para falar, falar, falar... Con todo merecemento recibiu no 2015 o premio de innovación outorgado pola Consellería de Educación. 

Este ano, no Fogar de Santa Margarida, animámonos a seguir o seu ronsel e un grupo de alumnos e alumnas de 3ESO afrontaron o reto do noso particular «21 DÍAS EN GALEGO». Nun ámbito tan fortemente castelanizado como o da Coruña, estes rapaces viviron as tres semanas procurando desenvolverse en galego e gravando diariamente a súas reflexións e os retos lúdicos que se lle ían propoñendo.

Un destes xogos foi o «Pasagalego», outra invención xenial dos da Pobra baseada no popular concurso de televisión. Eles ofrecéronnos a nós este primeiro en vídeo. 



E ao cabo dunhas semanas, desde o Fogar devolvémoslles o agasallo.



Das moitas horas de gravación acumuladas, seleccionamos menos de 30 minutos que veñen resumir unha experiencia fantástica que esperamos repetir nos vindeiros cursos. 



Se cadra, axiña veremos o reto de «21 DÍAS EN GALEGO» espallado por máis centros do país. Por que non? Paga realmente a pena!

13 de abr. de 2017

«Hit Hot»



Hoxe, con esta entrada, a 500 de Xogosdelingua, prestábame algo de alegría festeira. E para iso, nada mellor que Monoulious DOP, a banda noiesa de cancións pegadizas e cargadas de humor. Se cadra, é o ton irreverente e desenfadado dos seus vídeos o que os acaba por converter en virais. Por exemplo, a día de hoxe: «Morrer en Ghalisia» (123.874 reproducións), «Cansión Jallejo-Americana» (97.074), «Jalando» (482.326), «La cagalera» (72.125), «Sen o teu riso» (65.934)... De non coñecerdes estes «temasos», non podedes perdelos!

Nesta entrevista, Ula e Mon, os líderes de Monoulious DOP, autodefínense así: 
Somos unha asociación autónoma de persoas unidas voluntariamente para formar unha organización democrática en forma de banda musical cuxa administración e xestión debe levarse a cabo da forma que acorden os músicos, xeralmente no contexto da combinación dos sons co tempo e das relación sociais e humanas de/con eles mesmos.
Aí falastes!

De entre todos os seus «grandes éxitos», para encabezar a entrada, escollín o videoclip de «Hit Hot», polo seu caloroso xogo de palabras e pola súa colorida tipografía animada, desas que tanto nos gustan. E tamén vale para acrecentar os fondos do noso karaoke particular.

A cantar e a bailar!



20 de maio de 2016

Días de tolos

 

Uf! Que días de tolos! Un tan cómodo no seu anonimato e, de súpeto, con motivo da cifra redonda dos 10000 xeróglifos, a xente de La Voz decide dedicarme a contra do xornal o mesmiño Día das Letras, e con vídeo na web incluído. Graciñas mil a María Cedrón e a Paco Rodríguez polo seu traballo.

E pola tarde unha nova sorpresa: a chamada de La Ventana, da cadea Ser, para unha entrevista! Aquí vos deixo o audio da charla con Carles Francino (entre os minutos 39:00 e 47:20).


En fin, desculpade esta paréntese autorreferente no blog. Estou, como diría alguén que coñezo, que non me colle un gran de millo no cu! Ha, ha!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...