Está claro que a relación entre poesía e canción é estreita, e moitas veces a fronteira é difusa. Por algo son algúns músicos considerados tamén poetas, e a musicalidade é clave en calquera composición poética. Por iso tamén, son moitos os grupos musicais que queren converter os seus poemas favoritos en cancións.
A literatura galega non escapa a esa tendencia e moitos poemas en galego, de todas as épocas e estilos, teñen sido levados a cancións. Sen dúbida todos coñecemos a ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro, cantada por Luz Casal, pero hai moitos máis exemplos.
A idea gustoume, así que, aproveitando a data de hoxe, 17 de maio, deixo aquí a miña particular escolma das dez mellores cancións galegas nadas da inspiración dun poeta e dun músico. Dous criterios básicos: que se puidesen atopar en vídeo na rede e non repetir ningún título da listaxe de Disquecool. Aí van: do 10 ao 1.
10. RADIO OCÉANO - Narcisismo (Lois Pereiro)
9. LUAR NA LUBRE - Olla meu irmao (Celso Emilio Ferreiro) (Música: Miro Casabella)
8. FANNY + ALEXANDER - Amei-te tanto (Pilar Pallarés)
7. NAJLA SHAMI - Camiño Branco (Rosalía de Castro)
6. DIOS QUE TE KREW - Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro)
5. FUXAN OS VENTOS - O carro (Manuel María)(Música: Baldomero Iglesias)
4. MUTENROHI - Eu en ti (Celso Emilio Ferreiro)
3. OWAIN PHYFE - Quantas sabedes amar amigo (Martin Codax)
2. MINI E MERO - Penélope (Xosé María Díaz Castro) (Música: Baldomero Iglesias)
A galiña azul(1969) foi un dos títulos pioneiros na literatura galega para os máis pequenos. Con el, aló por 1968, Carlos Casares resultou gañador do I Concurso de Contos Infantís organizado pola Asociación O Facho da Coruña.
Unha obra presentada en forma de carta a unha nena, Ana, e dividida en cinco relatos: «Querida Ana», «O peixe da fonte do xardín», «A bomba da felicidade», «A galiña azul», «A formiga esquiadora» e «O final da historia da galiña azul». Narracións que constitúen un canto da fantasía e unha defensa da liberdade e da diversidade.
Con todo, hoxe, A galiña azul vén a Xogosdelingua por conter unha das poucas linguas de ficción das nosas letras: o papapío, un idioma inventado por Leoncio, un tolo con manía de electricista, co que é posible falar con paxaros e formigas.
A bomba da felicidade inventouna o Leoncio unha noite que durmíu nun portal pasando moito frío. Para botala teráse que subir nun paxaro e voar un quilómetro ceo arriba. Cando suba ben alto, tenlle que decir o paxaro en idioma «papapío»: «Paspallis pío pío pían», que quere decir: «Prepárate que imos botar a bomba». Entón o paxaro respóndelle «Raspapín pau», que quere decir: «Estou preparado». Cando diga esto, o Leoncio abre a mau dereita e deixa caer a bomba que é moi pequeniña. No pobo onde estoura, aparecen de repente vinte bandas de música tocando alboradas, pasodobles, muiñeiras e demáis. Chove roscós, rosquillas, e globos de cores. E por se fora pouco, o ceo ponse todo azul e o sol non queima. E a xente sinte unha grande felicidade.
Carlos Casares, A galiña azul.
Neste ano, con Carlos Casares como protagonista do Día das Letras Galegas, aquí queda esta pequena homenaxe. Para divulgar a súa figura e a súa obra, diversas propostas didácticas xa están en marcha. En Primavera das Letras, espazo promovido pola RAG, ou nesta sección da Fundación Carlos Casares podes atopar moitas delas.
De entre todas, como peche, seleccionei esta adaptación musical d’A galiña azul, con coreografía de vasos. Unha actividade do alumnado do IES Carlos Casares de Vigo a partir da coñecida melodía irlandesa de «The Cup Game». Gran traballo!
Ao dar con este graffiti nese cofre dos tesouros que é Zarampagalegando, lembrei o fermoso texto «Que é Galicia?», de Lois Pereiro. Unha emocionante descrición alfabética e tautogramática do noso país que aínda non tivera a súa entrada en Xogosdelingua. Imperdoable!
Aí vai o texto orixinal completo:
QUÉ É GALICIA?. Por Lois Pereiro. Galicia... data Run... A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz. B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente. C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos. D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia) E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito. F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá… G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa. H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o “Horror vacui” e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos. I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno. J. Son oriental. Rotundidade sureña. K. Kilowatios por terra mergullada. L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde. M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar. N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética Nacional. Ñ. Nh/ gn/ ñ. O. Oeste: “Galicia atende e obedece á chamada do Oeste” (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa. P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses “punk”, reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite. Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri? R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba. S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto. T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura. A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela. U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños. V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde. W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius? X. 25 de Xull Y. e Z. Fin
Trátase dun guión de Pereiro para un espazo emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988, é dicir, cumpre hoxe 27 anos. Unha definición de espírito ludolingüístico que gañou gran difusión coa celebración do Día das Letras Galegas do ano 2011. Velaquí dúas pequenas mostras:
Unha montaxe audiovisual do texto elaborada polo Centro Cultural Rueiro de Vigo (2011).
Unha interpretación a ritmo de hip hop no I Poetry Slam de Vigo (2012) a cargo de Malvares de Moscoso.
E para celebrar as Letras Galegas, nada mellor que cantalas! Os que visitades de cando en vez Xogosdelingua sabedes da miña debilidade polos abecedarios (ilustrados, fotografados, animados...). Por iso, esta peza de Magín Blanco é unha verdadeira bendición.
O A abre un Agasallo, o B é Bolboretiña, o C colle unha Cenoria, o D dálle a unha Doniña...
O alfabeto galego en pleno... de festa!
O abecedario, ten forma de libro e foi impulsado pola Mesa e o Concello de Pontevedra. Só é o primeiro volume dunha colección dirixida aos máis pequenos e que contará con obras centradas en diferentes campos semánticos («as cores», «o tempo», «o corpo», «a roupa»...). Nelas irán colaborandoilustradores como Carlos Silvar, Marina Seoane, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández ou David Pintor, entre outros.
Un proxecto ambicioso e admirable (deses que tanta falta fan).
Rodeábanos a desolada estepa. Só aló, ao fondo, o vello Guadarrama, en cuxo cume branqueaba a neve... Contemplando esta imaxe e recordando en presenza de tal esterilidade a exuberancia dos campos de Galicia, a nosa escritora sentiu a necesidade de escribir e publicar un libro que reflectise en toda a súa poesía e pureza, as paisaxes e a vida enteira da xente do noso país... E aquela mesma noite, presa a alma das profundas tristezas de quen, sen tocar nos seus vinte e catro anos, se cría cun pé na cova; sospeitando que xa non volvería ver o ceo da triste Compostela, baixo o cal a agardaban, trazou, con man rápida e coa brevidade da improvisación, aqueles versos tan tristes e tan fermosos que levan por glosa a canción popular máis en consonancia co estado do seu espírito, «Adiós ríos, adiós fontes».
Manuel Murguía, Los precursores (1866)
Así conta Murguía como, en 1861, unha Rosalía de Castro que deixaba Galicia atrás compoñía os seus primeiros versos en galego. Un impulso vital que acabaría por dar orixe, dous anos despois, a Cantares gallegos, o libro fundacional do noso Rexurdimento.
Nun par de días, o 17 de maio, conmemoramos o 152º aniversario daquela publicación. E para celebralo, velaí vai este vídeo: o poema «Adiós ríos, adiós fontes», interpretado por Amancio Prada e con pictogramas deseñados para persoas con difcultades na comunicación e na fala (transtornos do espectro autista, afasia, parálise cerebral...).
Símbolos pictográficos propiedade de CATEDU (Centro Aragonés de Tecnologías para la Educación) baixo licenza Creative Commons e incorporados a este vídeo polo CEIP Anxo da Garda, da Coruña. E non é o único, como podedes ver aquí. Parabéns polo esforzo inclusivo!