17 de dec. de 2016

Palíndromos ilustrados [14]


Achégase a febre consumista do Nadal. Ollo! A tomalo con calma! Non nos deixemos levar por antollos propios e alleos. Como o do palíndromo ilustrado de hoxe.

E como obsequio ludolingüístico, moito máis acaído, dúas adiviñas tiradas da nosa Biblia das adiviñas: ¿Que cousa é cousa...?, de Paco Martín.

No seu capítulo final, o volume recolle unha manda destes xogos de enxeño que amigos de aquí e acolá crearon para a ocasión. Nas palabras do propio Paco Martín:
Oitenta e catro autores galegos ofrecen eiquí 206 adiviñas orixinais que, estamos certos, pasarán a formar parte da cultura popular o que nos ha satisfacer a todos.
Neste caso, seleccionei dous doados enigmas relacionados co tempo no que andamos. Seguro que os dades resolto. 
A todo lle pon coroa,
alisa montes e chaos.
Ás veces voa,
ás veces queda, inerte.
Auguiña pra ter nas maos,
auguiña que non se verte.

                    Uxío Novoneyra
Porque teño cereixas bonitiñas
que no monte me comen as pitas
no Nadal me queren coller para adorniños me poñer
e foden as maus coas agullas das miñas follas verdeoscuras.

                    Ramón Reimunde
Tradución:
A Papá Noel: león a papá.
For Santa: a lion for dad.

13 de dec. de 2016

O shyriiwook de Bern Burtt



Ao parecer, aló por 1976, Bern Burtt era estudiante da escola de cine da University of Southern California cando os produtores do primeiro flme de Star Wars contactaron con el pola súa habilidade como técnico de son. 

Logo de ler o guión orixinal, Burtt comezou cunha das tarefas para a cal o buscaran: crear a linguaxe falada por Chewbacca, o fiel compañeiro de Han Solo. Dediciu utilizar como base a voz dun oso negro dun zoo californiano chamado Tarik. Despois sincronizou os seus ruxidos cos sons dunha morsa, dun león e dun teixugo. Nacía así o shyriiwook, o idioma do wookies.

No universo de ficción d’A Guerra das Galaxias, o shyriiwook é a lingua principal destes xigantes peludos. Case imposible de pronunciar para os non-wookies, mais doada de comprender.

Na vida real, durante as filmacións, Peter Mayhew, o actor que sempre interpretou a «Chewie», falaba en perfecto inglés para facilitar o diálogo con Ford e lograr boas escenas. Así o vemos neste vídeo da rodaxe, co seu audio orixinal.



Feitas estas filmacións, Burtt retomaba o seu traballo e, no estudio de gravación, incorporaba á banda sonora os ruxidos máis axeitados ao diálogo e ao ton emocional: agarimoso, anoxado, riseiro...

E como o universo geek está cheo de caralláns, aquí ou aquí podedes atopar tradutores automáticos de shyriiwook! Unha vantaxe inestimable poder interpretar voces básicas como «huurh», «aarrragghuuhw» ou «uughguughhhghghghhhgh» no noso próximo encontro con wookies!

A dous días da estrea de Rogue One, aquí queda outra curiosidade máis sobre esta saga galáctica que non para de se expandir.

9 de dec. de 2016

Os artistas de Grafar





E máis humor gráfico de fondo ludolingüístico! Xogos de palabras e visuais para nos debuxar un sorriso na cara. Unha boa forma de facer máis agradable o día a día. 

Desta vez, de paseo pola rede, apareceu o blog Tinta China, inactivo xa hai tempo. Un recuncho onde unha serie de caricaturistas, ilustradores e humoristas gráficos do estado brasileiro de Río Grande do Sul, asociados baixo o nome de Grafar, ían recollendo boa parte do seu traballo. Coa etiqueta de «trocadilhos gráficos» podemos atopar ocorrentes pezas como as que vemos ao comezo. O calembur, a polisemia ou a paronimia a facer de novo das súas.

Como quen fai unha viaxe sen destino definido, convidovos a seguir a pescuda pola obra gráfica e ludolingüística de artistas como Koostela, Uberti, Vecente, Kayser e doutros «grafarianos». Adiante! A debuxar un sorriso no voso autorretrato!

5 de dec. de 2016

O problema de Antía

Préstavos un pequeno enredo coas matemáticas como tema de fondo? Aquí queda, para acrecentar a nosa colección de enigmas.

O problema de Antía
Na clase de Matemáticas de 5º de Primaria levaban varias semanas a traballar as operacións básicas: a suma, a resta, a multiplicación e a división. De cando en vez, Mónica, a mestra, adoitaba propoñer divertidos enigmas matemáticos.
Un dos que máis lles gustou aos rapaces foi este:
«Dous pastores falaban:
—Por que non me dás unha das túas ovellas? Así teremos a mesma cantidade.
A isto o seu amigo respondeulle:
—Mellor entrégame unha das túas e así eu terei o dobre de ovellas ca ti.
Cantas ovellas tiña cada un?»
Antía, unha das alumnas que máis gozaba con eses enredos, foi a que deu a solución: un pastor tiña 5 ovellas e o outro 7.
Nada máis dar a resposta ao problema dos pastores, a pequena Antía propúxolle o seguinte enigma á súa profesora:
«Como facemos para que, engadíndolle un a vinte, nos dea dezanove?»
Mónica, a aplicada mestra, aínda está agora a darlle voltas e voltas ao breve problema da nena, completamente correcto. E ti, podes dar coa solución?

Solución ao enigma «Theodoros, o viaxeiro» (9-9-2016): Theodoros nacera no ano 2055 antes de Cristo. Visitou por fin as pirámides de Exipto 70 anos despois, no ano 1985 a. C.

1 de dec. de 2016

Caligrafía a vasoirazos





Quen ía imaxinar que se podería crear a máis fermosa caligrafía cunha vasoira. Pois abofé que si. Aí tedes a Pokras Lampas, hai cousa dun ano, na azotea dunha antiga fábrica de Moscova (hoxe a Red October Gallery) a crear maior deseño caligráfico xamais feito. 

Impresionante o resultado e tamén o proceso de creación! Dúas vasoiras, 730 litros de pintura branca, 1625 metros cadrados de superficie e dous días de traballo. 

Todo un reto superado de forma brillante por este calígrafo e artista ruso que realiza proxectos multidisciplinares de todo tipo: instalacións, eventos publicitarios, interiorismo, body art...  Unha obra de récord, para ver desde o espazo, que mestura a arte caligráfica co streetart dos mellores graffiteiros. 

27 de nov. de 2016

Versos que enredan coa lingua


Gonzalo Navaza volve á nosa «bibliografía ludolingüística básica». Despois de Elucidario e d’A torre da derrota, hoxe, con todos vós, Libra (2000), obra coa que Navaza gañou o premio Premio Martín Codax e o Premio da Crítica Española. Trinta e seis poemas de carácter heteroxéneo no temático e no formal entre os que podemos atopar pequenas alfaias ludolingüísticas. Só tres exemplos: 

En «Vocálicas», atopamos un coidado xogo fónico consistente en versos monovocálicos, de tamaño decrecente, que se suceden seguindo a orde estrita «a - e - i - o - u».
Vocálicas
Cada palabra ar-
de, breve
iris
no
sur.
A palabra amaga
sempre
finxin-
do
luz.
En «Anagramática (trocas de Rosalía)», Navaza demostra a súa destreza elaborando un fermoso poema dedicado a Rosalía de Castro cuxos versos son anagramas do nome da nosa escritora máis universal.
Anagramática 
(trocas de Rosalía)
Claro Sar, doíaste.
Calor da rosa es ti,
correa das loitas,
crótalo das eiras.
Toda cal roseiras
traes ar do social.
Arda así certo sol.
Solta Corsaria,
claror de ti a soas.
Trae ríos calados
ó acerto das liras.
E, por último, «De obrigada melodía (solfa do fado)», uns dos meus preferidos pois nel o autor enreda a construír os seus enunciados combinando os nomes das notas musicais, como se adoita facer tamén nos xeróglifos.
De obrigada melodía
(solfa do fado)

A neve na noite cae
e fala do sol durmido.
Folerpa a folerpa mido
o azul do seu dondo don.
Fala do sol sumido
sobre o lar desolado
en que resido
coma se fose a idade
a caer.
Eu mido,
só no sollado,
a lena cadencia mol
desa neve, la do sol.
La con que mido o latexo
do meu tempo esfarelado.
O ton do alén, o son calado
da música que vén
do lado do fado.
Como vemos, poemas de miolo lúdico que non son simple artificio baleiro. Explícao ben aquí, Luciano Rodríguez:
As segundas intencións, os xogos de palabras, a procura de significados ocultos son aspectos que o autor de Libra manexa con habelencia. Mais isto en ningún momento debe facernos pensar que considera a creación literaria como un xogo ou un pasatempo. Todos estes recursos, así como outros artificios do verso ou da prosa, teñen en Gonzalo Navaza un dos máis hábiles executores na literatura galega actual, pero sempre están en función dos contidos e non como simples recursos que só manifestarían destreza e habilidade. 
E en Libra aínda hai máis. Anímase alguén a crear novos poemas seguindo estes tres modelos?

23 de nov. de 2016

Es quen de ver os dous lados?





Recoñeces George W. Bush, Osama bin Laden, Sadam Hussein, Fidel Castro ou Lula da Silva? De novo os endiañados deseñadores publicitarios a xogar coas letras; e, desta vez, para facer retratos. Hai xa uns anos a revista Veja, unha das de maior tiraxe do Brasil, lanzou esta fascinante campaña. O seu creador foi Roberto Fernández, que daquela traballaba para a axencia brasileira AlmapBBDO. 

Usando a técnica dos pinacogramas, o anuncio é, sen máis, palabras en negro sobre fondo amarelo. Iso si, deseñadas de xeito que reproducen o rostro de persoeiros internacionais. O aquel das pezas reside tanto na antítese entre os termos (guerra - paz; ameaza - pretexto; morto - vivo; esquerda - direita), como en saber que domina a que: a palabra imponse á imaxe?, ou é ao revés?

Unha campaña multipremiada internacionalmente aló polo 2003 e 2004 que podemos atopar tamén en inglés.





Mensaxes sinxelas e directas relacionadas co contexto histórico daqueles anos e que se fan aínda máis efectivas acompañadas co lema da campaña: Quen le Veja entende os dois lados. Isto é, con Veja sempre podes observar a realidade desde diferentes puntos de vista. 

E o deseñador brasileiro fixo tamén unha versión da campaña sen faces, só con palabras inseridas dentro dos seus antónimos. Un verdadeiro xenio este Roberto Fernández. Es quen de ver os dous lados?



19 de nov. de 2016

Ata sempre, Narf



Se tivese que poñerlle sintonía a Xogosdelingua, eu escollería, sen dúbida, «O noso son», con letra de Pepe Sendón e música de Fran Pérez, Narf. Arriba escoitamos a peza nunha actuación a dúo do propio Narf co percusionista bahiano Paulo Silva. Un verdadeiro himno ludolingüístico que di tanto de nós, e só cunha vogal (ou máis ben con dúas), como xa explicamos aquí.
No soño non somos nós
Nós sós
Só nós
Cos nosos ósos
Co noso son
Non
Non somos nós os donos do noso son
Todos os nosos soños son con vós
Co voso cosmos
Co voso don
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Son son
Tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son son
Só soño con vós.
A morte de Fran Pérez, con só 48 anos, foi realmente inesperada. Canta música por facer! Canta da que gozar! Que mágoa!

Se queredes coñecer algo mellor este referente imprescindible do panorama musical do noso país, velaquí vai a entrevista que lle fixeron os alumnos do IES de Curtis hai só un par de anos.



15 de nov. de 2016

Dúas paixóns unidas: maxia e encrucillados



David Kwong, mago e creador de encrucillados para o The New York Times, xa pasou por Xogosdelingua hai tempo. 
Creo que a maxia e os encrucillados son o mesmo, porque ambas as dúas cousas son a chave dun dos máis importantes impulsos humanos: a urxencia por solucionar. Os seres humanos estamos programados para poñer orde no caos.
Así comeza David Kwong a súa charla nun evento TED (Tecnología, Entretemento e Deseño). Para quen non o sabia, TED é unha organización sen ánimo de lucro cuxa misión é difundir ideas que pagan a pena. Pensadores e creadores de todo mundo son convidados para dar charlas en 18 minutos ou menos. Estas conferencias son desenvolvidas tamén a nivel local e son compartidas de balde (tradúcense e subtitúlanse a través dunha rede global de voluntarios). 

Gozade desta conferencia, que á vez é un abraiante espectáculo de maxia. Non perdades detalle, non pestanexedes e acabaredes coa boca aberta diante do incrible talento de David Kwong!

11 de nov. de 2016

As «locurrencias» do «Equivocablo»



Convosco o madrileño Daniel Montero Galán, unha das mentes ludolingüistas máis retortas e brillantes que coñezo. Desbordante na imaxinación e no sentido do humor. Con este vídeo promocionaba o seu Equivocablo (Tropiezones silábicos) (2013), un libro imprescindible para calquera amante dos xogos de palabras. 

Así o describe o autor:
Este bocavolario está cargado de locurrencias que atentan contra la RAE y hacen temblar hasta a los mejores logopedas. Repleto de contra-dicciones dispares y disparatadas, dispara palabrejas, ya sean de estrújulas, llamas o amudas, pues las sílabas son descolocadas a su antojo para formar nuevas definiciones. Alucinarás en colores, bueno, realmente solo en tres, con este maravilloso método para aprender a deshablar en siete días cualquier lengua.
Daniel Montero é un verdadeiro malabarista do calembur, da polisemia, da epéntese... Recursos cos que estarrica, retorce, divide, encolle e revira os vocábulos igual que un prestidixitador manexa ao seu antollo un xogo de naipes. Outro ludolingüista (lembra este ou estoutro) que, desde o castelán, demostra unha abraiante habilidade coas palabras... e co lapis! A gozar! 









Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...