25 de xuño de 2013

Vincent en galego

A primeira obra cinematográfica de Tim Burton foi Vincent (1982), unha deliciosa curtametraxe de animación en stop motion. Nela, o director californiano cóntanos a historia de Vincent Malloy, un neno de 7 anos que, como lle sucedera ao Quixote, comeza a perder o siso por causa das obras de ficción. No caso de Vincent non son novelas de cabaleiría senón historias de terror: as dos relatos de Edgar Allan Poe e as dos filmes protagonizados por Vincent Price.

Así, Vincent Malloy acaba por sucumbir ao poder da súa imaxinación creando un mundo novo no que mestura o plano da realidade (familia, mascotas...) e da fantasía (monstros, arañas, vampiros...).

Na curtametraxe, en branco e negro e cunha coidada estética gótica, a historia é narrada mediante un fermoso poema composto polo propio Tim Burton (aquí vos deixo a peza completa) e coa escura voz en off de Vincent Price en persoa.

Pois ben, hai uns días dei cunha versión desta curtametraxe dobrada ao galego. Os protagonistas desta fantástica iniciativa son os membros do club de lectura As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense). Un traballo, primeiro de tradución e logo de lectura dramatizada e locución, que lembra outras valiosas iniciativas escolares.

Aquí vos deixo, para gozardes delas, a versión orixinal de Burton (con subtítulos en inglés) e logo a feita na nosa lingua.




4 comentarios:

Cat dixo...

Dende o IES Ferro Couselo, moitas grazas pola mención e polo recoñecemento, que ademais nos deu a ocasión de coñecer este fantástico blog.

Carlos L. Medrano dixo...

Grazas a vós. Da gusto atopar e axudar a divulgar iniciativas coma a vosa. Unha aperta e adiante!

Begoña dixo...

Moitas grazas polas atencións!
O club de lectura do Ferro Couselo é o principal dinamizador da nosa lingua.
Saúdos!

Carlos L. Medrano dixo...

Un pracer. O blog, entre outras cousas, xurdiu para iso. A falta de grandes recursos, vontade e imaxinación. Moito vento nas ás!
Unha aperta

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...