08/01/2014

Uns poetas da hostia


Desde hai tempo tiña pendente esta entrada e, por fin, aquí están: os Poetas da hostia. Porque unha chea de poetas-púxiles a baterse en singular loita desde o verán do 2011 ben o merece. Porque unha experiencia que trae onda nós a tradición combativa das tenzóns entre trobadores e xograres medievais e dos poetry slams actuais ben o merece. Porque a poesía convertida en espectáculo lírico cheo de forza, improvisación e interacción co público, ben o merece.

«Poetas do proletariado vs. Poetas da pequena burguesía», «Poetas carnívoros vs. Poetas veganos», «Poetas románticos vs. Poetas realistas», «Neofalantes vs. Paleofalantes», «Aliens Vs. Predators», estes son só algúns dos duelos sen tregua disputados entre feroces poetas como María Lado, Lucía Aldao, Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa, Cesáreo Sánchez Iglesias, Eduardo Estévez, Lorena Souto, Samuel L. Paris...

Así, ao xeito de Mendiño, explicaron, nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia, como xurdiu a idea d’A hostia en verso. Sentido humor e espírito lúdico ao servizo da poesía viva!
Sedíame eu nun museo, no balcón
e cercáronme uns poetas que eran dous.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Estando no museo, ante o bar,
cercáronme os poetas sen publicar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
E cercáronme uns poetas sen editar:
—Isto é un tostón, non se pode aguantar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Cercáronme os poetas para brindar,
tivemos unha idea para gozar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Tivemos unha idea! Ímola probar
de non morrer hoxe neste trobar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...