13/01/2015

De Sótades a Charlie Hebdo

A traxedia do Charlie Hebdo deixoume fondamente conmovido. Quen coñeza Xogosdelingua sabe da miña predilección pola arte do humor gráfico. Con todo, non tiña pensado facer anotación ningunha sobre o tema. Hai pouco dei na rede con varios deses textos que proclaman «Eu non son Charlie» e mudei de idea. E fíxeno, en parte, ao lembrar a triste historia do primeiro palindromista, Sótades de Maronea, un poeta da Grecia clásica, da época do rei Ptolomeo II Filadelfo, contra o século III a. C.


Cóntase que Sótades tivo a ocorrencia de compoñer uns versos palindrómicos nos que satirizaba sobre as relacións incestuosas do rei coa sua irmá, Arsínoe II. «Metes o teu aguillón nun burato impío», seica dicía un dos seus versos.

O sensible Ptolomeo non soubo encaixar ben estas chanzas e mandou que apresasen o poeta. Aínda que inicialmente conseguiu escapar e refuxiarse nunha illa do Exeo, Sótades foi de novo capturado e o rei, aínda ofendido, ordenou executalo de forma cruel: metérono nunha caixa de chumbo que logo guindaron ao mar. Este foi o tráxico destino do primeiro palindromista coñecido, vítima da falta de sentido do humor.

Con certeza hai quen pode considerar moi duras e mesmo ofensivas as bromas dos debuxantes franceses sobre as crenzas de millóns de persoas. Tamén é posible que alguén interprete certo ton racista nalgunhas bromas do semanario. Porén, nun mundo civilizado, a única alternativa válida ante esta «provocación» é ignorala ou responder no mesmo plano: debuxando, escribindo... Mais neste caso, o salto cualitativo é tan obvio como inhumano: ao debuxo ofensivo respondeuse con disparos asasinos.

Só por iso: «Eu tamén son Sótades», «Eu tamén son Charlie».

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...