09/09/2015

Os haikus de Helena Villar Janeiro


Conta Helena Villar Janeiro que, despois de ter lido sobre poética nipona, o primeiro momento inspirador dun haiku xurdiulle nunha saída ao monte na procura de cogomelos:
O desenvolvemento deste proceso [...] realizouse fundamentalmente no monte, cando saín á rebusca dos cogomelos e contemplei cos novos ollos a morte aparente da natureza outonega. Foi así como, cabo dunha cesta de cantharellus cibarius, naceu unha primeira estrofa de 17 sílabas (5/7/5) de artificiosa elaboración e resultado simple.
A esa primeira peza seguíronlle outras dominadas pola mesma necesidade de recoller, cunha enorme sensibilidade poética, o sentimento, a beleza e o misterio dun momento en apenas 17 sílabas. Coa natureza e a sensualidade como temas recorrentes.
O castiñeiro,
cantor do dó do souto,
chora castañas.
Noite e xasmín:
no xadrez dos amantes
móvese a lúa.
Da recompilación deses haikus naceu o poemario Pálpebra azul (2003), que tendo en conta a nosa predilección por esta forma poética xaponesa, pasa a engrosar a «bibliografía ludolingüística básica».

Mais a fértil relación de Helena Villar co haiku non quedou aí. A cada pouco, a escritora de Becerreá obséquianos cunha nova creación no seu blog persoal. Coidadas pezas nas que a imaxe e o texto viven á par: sería difícil dicir se son haikus ilustrados ou fotografías cun pé en forma de haiku.

Erguer os ollos
e alpeirar coa Ave Fénix
que suca o ceo.











A fealdade
non se produce ao chou:
segue unhas regras.











Son lindas follas
que aprenden xaponés
facendo haikus.

2 comentarios:

Helena dixo...

Moi agradecida. Ultimamente non os poño no blogue, pero volverei facelo por ti e por outra xente que poida ter interese en velos. Graciñas e parabéns polo teu traballo.

Carlos L. Medrano dixo...

Un pracer recibir este comentario! Por favor, que non deixen de aparecer as fotografías con cadanseu haiku en Tirar do Fío. Sígoos con devoción. Unha aperta!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...