08/12/2015

A grella de Cardano


O médico, filósofo e matemático italiano Girolamo Cardano (1501-1576) desenvolveu, contra 1550, un curioso método criptográfico coñecido como «A grella de Cardano». A idea é moi simple:

Pártese dun papel ou cartolina perforada en certos lugares, que se sitúa sobre outro papel. Nesas «xanelas» vaise escribindo a mensaxe secreta, mediante letras, sílabas ou palabras completas. Deseguido, retírase a matriz cos ocos e completamos o texto no papel inferior cunha secuencia de caracteres arbitrarios (que chamamos nulos). O destinatario debe posuír unha grella igual á do remitente e colocala sobre o texto recibido para facer aparecer a mensaxe.

Sábese que o cardeal Richelieu (1585-1642) empregou este método tanto na súa correspondencia privada como na diplomática. Mesmo o poeta inglés Lord Byron (1788-1834) elaborou algún poema utilizando a grella de Cardano.

Se che presta enredar con esta técnica sen te separar do teclado, aquí tes unha magnífica web cun xerador automático de cifrado e descifrado da grella de Cardano. E, ollo!, tamén inclúe xeradores e información sobre moitos outros métodos de encriptación.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...