Non, a entrada de hoxe non trata das difíciles relacións interpersoais. As imaxes iniciais amósannos outra brillante proposta de
Zarampagalegando para aprendermos lingua de forma visual. Unha mostra ben amena de que unha imaxe, se non vale exactamente mil palabras, si pode aclarar mil dúbidas.
Neste caso, coa idea feliz das
«parellas imposibles», a Churrusqueira fainos ver, de forma ilustrada, cales son os falsos amigos que cómpre evitar en bo galego. A Wikipedia define
falso amigo como «unha palabra doutros idiomas que se parece (na escritura ou na pronunciación) a unha palabra na lingua materna do falante, mais que ten un significado diferente». Esa similitude formal (homonimia ou paronimia) provoca unha chea de interferencias; no noso caso, especialmente, co castelán.
Por exemplo: o caso da
vela galega e da
vela castelá. Os galegos temos de noso
vela ‘
peza de tecido resistente que, ao recibir o impulso do vento, fai avanzar unha embarcación’ e
candea ‘
obxecto cilíndrico de cera que leva unha torcida no seu interior e serve para alumar’. Como ben sabemos, o castelán
vela, que posúe nese idioma ambos os dous significados anteriores, tornou en falso amigo que favoreceu a interferencia dunha
vela foránea que despraza a nosa lexítima
candea.
Graciñas, Churrusqueira, por botar luz ao tema!