06/04/2016

O misterio do código McCormick

 

Agora podedes intentar vós resolver o misterio do código McCormick, pois o FBI xa pediu papas. O caso é o seguinte:
Missouri (Estados Unidos). 25 de xuño de 1999. Ricky McCormick, un ex-presidiario desempregado de 41 anos, saíu do consultorio do seu médico despois de recibir medicamentos para doenzas cardíacas e pulmonares e... nunca máis foi visto con vida. Cinco dias despois, un campesiño atopou o cadáver de McCormick nun campo de millo a 30 quilómetros do seu domicilio. Estaba en avanzado estado de descomposición e parecia ter un golpe na cabeza. Foron encontradas tamén dúas notas manuscritas no seu bolso. 30 liñas codificadas con gran variedade de letras, números, sinais e parénteses.
O caso McCormick foi considerado oficialmente un homicidio. Desde o comezo creuse que o código podía revelar que lle ocorreu a McCormick e mesmo a identidade do seu asasino. Con todo, despois de 12 anos de frustrados intentos, en marzo do 2011 os investigadores do FBI decidiron pedir axuda internacional. Por iso publicaron todos os documentos na súa web.

 
 

É a primera vez que o FBI pide colaboración para descubrir un código secreto. Polo mundo adiante, os afeccionados a resolver códigos xa están mans á obra. A recompensa: «a satisfacción de saber que quizais se contribuíu a levar un asasino ante a xustiza», ademais da fama mundial por lograr tal proeza.

Que eu saiba, o código aínda non foi descifrado, aínda que co tempo pola arañeira comezaron a circular algunhas propostas de solución. Segundo estas, o código mesmo fala dun botín de 100 000 dólares oculto nalgún lugar ou de probas doutros crimes non resoltos. É dicir, aínda máis misterios engadidos ao irresoluble asasinato de McCormick.

Por certo, se lle colledes gusto á desencriptación, velaí vai un puñado doutros criptogramas pendentes de ser desvelados: o Disco de Festos, o Manuscrito Voynich ou o Código Dorabella. Quen se anima?

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...