Ás veces, as discusións absurdas poden acabar da forma máis insospeitada. Iso foi o que pasou hai agora dez anos cando dous amigos conversaban sobre a posibilidade de que dentro dun paquete de sopa de letras estivesen todas e cada unha das vogais e das consoantes do abecedario, castelán neste caso.
Non chegaron a un acordo e mesmo cruzaron unha aposta. Mentres o primeiro deles sostiña que grafías como o «A», o «D» ou o «B» non aparecerían porque eran difíciles de facer, o segundo, Abel, un informático barcelonés que daquela tiña 29 anos, afirmaba que si contiñan o alfabeto completo.
Abel decidiu comprobalo empiricamente. Nun supermecado comprou un paquete de sopa de letras de Pastas Gallo. Xa na súa casa, tomou do paquete unha moreíña de letras e comezou a separar unha por unha en orde alfabética: primero o «A», logo o «B», deseguido o «C»... e así avanzou convencido de atopalas todas. Cando rematou co «Z», decatouse de que dúas letras non apareceran: o «U» e o «W». Recoiro! A buscalas con máis ollo! A pescuda continuou e nada, por moito que buscou, o «U» e o «W» non estaban. Aparentemente o seu amigo gañara a aposta, aínda que errase coas letras ausentes.
Con todo, Abel, disposto a resolver a incógnita máis alá de toda dúbida, decidiu enviar unha carta ao fabricante das letras para sopa expoñéndolle dous interrogantes: Era casual a falta desas letras no seu paquete ou faltaban en todos? E de ser isto último, por que as ausentes eran xusto esas dúas letras?
Enviou esta carta tamén a diferentes medios de comunicación e mesmo abriu un blog para dar conta do día a día da cuestión. O misterio do alfabeto incompleto tornouse viral: xornais, revistas, programas de radio e de televisión trataban o tema.
Uns días máis tarde, a Directora de Comunicación de Gallo respondíalle a Abel cunha carta chea de retranca. Nela confirmaba que as limitacións técnicas dos moldes eran a causa da ausencia desas dúas letras:
Prezado consumidor,Aínda que hai unha xustificación técnica para non fabricar o «U» e o «W» (e é que son dúas letras sen puntos de apoio suficientes para asegurar que non se deformen durante a produción), podemos convidalo a visitar as nosas instalacións e comprobar, no lugar, como se fai a pasta e que non agochamos esas letras por ningures.Lamentamos profundamente que as Úrsulas, Eustaquios, Wenceslaos, Eusebios... teñan dificultades para escribir o seu nome e que vostede perdese a aposta; con todo, suxírolle que todos usen o «M» ao revés como «W». Co «U» só se me ocorre xirar o «C», aínda que a verdade non terá moi boa pinta...S.E.Directora de comunicaciónNon pode vostede imaxinar a tentación de escribir o parágrafo anterior sen ningún «U».
Pois si, a oportunidade perfecta para un gran texto lipogramático, abofé! Unha trangalleira esta directora de comunicación.
Mais a cousa non quedou aí. En Gallo puxeron o mestre de moldes a traballar e, en menos de 3 meses!, non só actualizaron o seu alfabeto incluíndo nas súas sopas o «U» e o «W», senón tamén o «Ñ», o «@» e o «Ç», para goce de portugueses e cataláns. E, con seguridade, para asombro do ocioso informático! Ha, ha!
Como o propio Abel recorda no peche do seu blog: «Grazas á miña campaña, agora podemos felicitar en varios idiomas estas festas». Bo Nadal a tod@s! E os mellores desexos para o 2018!
Ningún comentario:
Publicar un comentario