29 de maio de 2013

Taumatawhakatangihangakoauauotamateatu...


Taumatawhakatangihangakoauauotamateaturipukakapikimaungahoronukupokaiwhenuakitanatahu

Non, non é que puxese os dedos a pasear ao chou polo teclado. Esa morea de letras sen sentido aparente forman, segundo o famoso Libro Guiness, o topónimo máis longo do mundo. A lingua maorí é a que nos brinda este prodixio de 85 letras. Unha delicia para os amantes da toponimia e do sesquipedalismo. O termo designa un outeiro de Nova Zelandia duns 305 metros de altura e que podería traducirse así: «O cume do outeiro, onde Tamatea, o home cos xeonllos grandes, coñecido como “o devorador de terra", baixou, subiu e enguliu as montañas, mentres tocaba a frauta para a súa amada». Iso si, para evitar colapsos respiratorios, ten unha forma abreviada: Taumata.

Llanfairpwllgwyngyllgogerychwyrndrobwllllantysiliogogogoch

O anterior topónimo ocupa o segundo lugar nesta clasificación. É unha pequena localidade da illa de Anglesey, en Gales, máis coñecida como Llanfair PG. Unha voz céltica de 58 letras que significa algo como «Igrexa de Santa María no oco da abeleira branca preto dun turbillón rápido e a igrexa de San Tisilo preto da gruta vermella».

Chargoggagoggmanchauggagoggchaubunagungamaugg

Polo visto o anterior nome de 45 letras corresponde ao terceiro clasificado. É un lago en Webster, Massachusetts, nos Estados Unidos, tamén coñecido coñecido Lago Webster. Esta voz, orixinaria da lingua dos indios nipmuck, significa «Ingleses no territorio dos Manchaug, no lugar de pesca da fronteira».

Cousas das linguas polisintéticas, que nunha mesma palabra poden combinar un gran número de morfemas, léxicos e gramaticais, ata o punto de poder equivaler a unha longa oración do noso idioma.

O galego, lingua flexiva, non dá para estarricar e estarricar as palabras dese xeito. Con todo, aí vos vai unha proposta:

Emprendamos a procura dos nosos hipertopónimos. Cal credes que é o topónimo galego máis longo dunha soa palabra? E cal sería o máis longo formado por unha frase? Ollo! Valen os de grandes localidades ou tamén microtopónimos.

Como axuda, para quen teña tempo e ganas, aquí deixo dous buscadores de topónimos: este da Xunta de Galicia e estoutro da Universidade de Vigo.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Á falta de meternos coa microtoponimia, que debe dar para moito " As Pontes de García Rodríguez" é o Concello co nome máis longo.

Carlos L. Medrano dixo...

Pois si, que eu saiba o nome de concello con nome máis longo (en forma de frase) é As Pontes de García Rodríguez (25 letras). E os dunha soa palabra, Montederramo ou Pontecesures (12 letras). Quen se anima a ofrecer exemplos maiores do infindo universo da nosa microtoponimia?
Apertas

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...