23/07/2013

A neolingua de George Orwell

Algunha vez imaxinaches un idioma que cada ano tivese dicionarios máis reducidos, con menos palabras e menos significados? O escritor inglés George Orwell xa o fixo na súa novela 1984: é a neolingua ou novilingua (newspeak). Velaí vai o tráiler, con subtítulos en castelán, do filme británico baseado na novela orwelliana (estreado precisamente no 1984).



Nun estado totalitario nas mans do INGSOC, partido único liderado polo Grande Irmán, apóstase por impoñer a neolingua, que acabará por substituír a lingua común. Con ela evitarase non só a expresión de ideas contrarias aos principios do Partido senón incluso a posibilidade de que tales ideas sexan imaxinables. O principio subxacente é que a lingua pode modelar o noso pensamento: canto máis reducido e infantilizado é o vocabulario das persoas menos capacidade teñen para o pensamento articulado e máis manipulables se volven.

As poucas voces novas da neolingua viñan xeradas polas necesidades ideolóxicas e represivas do Grande Irmán. Por exemplo:
Impersoa (unperson) persoa non grata, persoa que deixa de existir (os acusados de impersoa eran xeralmente eliminados).
Crimental (thoughtcrime): crime do pensamento (loxicamente o máis grave de todos os crimes sancionados polo Partido, o acusado de crimental convertíase en impersoa).
Facecrime (facecrime): expresión facial impropia (por exemplo, mostrarse incrédulo ante o anuncio dunha vitoria). O facecrime estaba perseguido pola lei.
Duplipensar (doublethink): ter simultaneamente dúas crezas contraditorias e aceptar ambas as dúas (saber que un está errado e, a pesar diso, convercerse de que está no certo).
Ao escoitar decote nos medios cousas como «tropas de paz» en lugar de «exércitos», «danos colaterais» en lugar de «vítimas inocentes» ou «mobilidade exterior» en lugar de «emigración», non deixo pensar na neolingua orwelliana. Convén estarmos espertos ante estas perigosas mostras da manipulación das ideas a través linguaxe. Lembras esta ou estoutra? Ollo!! Cada vez temos máis preto o ollo do Grande Irmán!!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...